Especialistas de 21 países abordan en Ourense os cambios e tendencias a longo prazo na atmosfera
Diversidade de propostas
Ao longo das sesións previstas, a comunidade científica participante tanto de xeito presencial como on-line abordará, nun contexto de cambio climático, as variacións e tendencias a longo prazo na atmosfera media e alta. Concretamente, os eixos temáticos do evento que se celebra en Ourense son, sempre nun contexto de consideración a longo prazo, a abordaxe das tendencias de variacións na atmosfera media; os cambios e tendencias na ionosfera e a termosfera; os mecanismos dinámicos, físicos, químicos, solares e radiactivos de variacións e tendencias e os cambios na atmosfera media e alta e os seus vínculos coa navegación por satélite e o lixo espacial.
A programación arrancou este luns cunha conferencia de Jan Laštovička, do Instituto de Física Atmosférica da Academia de Ciencias de República Checa, sobre o escenario de tendencias do sistema estratosfera-mesosfera-termosfera-ionosfera á vista dos novos datos dispoñibles nas dúas últimas décadas. Con ela abriuse un intenso programa no que se tratarán temas moi diversos, como os avances nos vínculos entre o cambio climático e a evolución de temperatura mesosférica; a resposta do hidróxeno termosférico ao aumento dos gases de efecto invernadoiro e aos cambios na actividade solar; a evolución da ionosfera e a termosfera durante o Holoceno ou o impacto dos cambios nas emisións antropoxénicas na aparición de burbullas de plasma ecuatoriais.
Liña de investigación prioritaria
A celebración de Trends 2024 en Ourense culmina dous anos de traballo que arrancaron coa presentación da candidatura de EphysLab para acoller esta cita e a súa elección por parte do comité científico internacional do evento. Desde hai case dúas décadas, EphysLab ten como unha das súas liñas de investigación prioritarias a atmosfera, desenvolvendo numerosos proxectos de ámbito estatal e/ou europeo con entidades presentes tamén neste taller. Entre eles, desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo propio Juan Antonio Añel leva a cabo un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais (International Space Science Institute-ISSI) sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial.
Universidade de Vigo (UVigo)