Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Innovación, diversificación e maior presenza nos mercados internacionais, obxectivos da Xunta en materia empresarial

Manuel Fraga, titular do Executivo autonómico, inaugurou no municipio pontevedrés de Valga a ampliación da factoría Extrugasa Transformación S.A., empresa “plenamente implicada” en procesos innovadores dentro da industria do aluminio, tal e como sinalou o mandatario autonómico, quen eloxiou a figura de Andrés Quintá, presidente desta factoría, por ter sido un dos pioneiros na introdución do aluminio en Galicia, alá pola década dos 60, e continuar a día de hoxe cun indubidable afán innovador neste eido. Precisamente, a innovación, xunto coa diversificación e a promoción das empresas galegas dentro dos mercados internacionais son, segundo indicou o titular do Goberno galego, as principais liñas de acción da Xunta en materia empresarial.

En concreto, a Xunta ten como obxectivo “mellorar a valoración e recoñecemento” dos productos e servizos de Galicia tanto dentro como fóra da Comunidade Autónoma co fin de “convertela nun foco de atracción para a implantación de novas empresas e tecnoloxías”. Sen embargo, na procura deste obxectivo, é fundamental, tal e como argumentou o titular do Goberno galego, a ampliación dun “empresariado con iniciativa que asuma a responsabilidade de acadar a súa propia modernización e consolidación”. Neste sentido, Manuel Fraga referiuse aos empresarios como verdadeiros protagonistas do que cualificou como “imprescindible” cambio estrutural que se fai necesario.

FAVORECER A COMPETITIVIDADE

Finalmente, o presidente da Xunta apostou por apoiar todas aquelas iniciativas empresariais que xeren riqueza e proporcionen vantaxes competitivas e sostibles a longo prazo mediante a adaptación do marco xurídico e económico ás necesidades actuais. Deste xeito favorecerase o “desenvolvemento competitivo” do tecido industrial galego, sinalou Manuel Fraga.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DA NOVA FACTORÍA EXTRUGASA TRANSFORMACIÓNS S.A.

-“As instalacións que hoxe inauguramos son, sen dúbida, froito dun traballo ben feito e dun axeitado proceso de planificación e previsión, baseados na experiencia. Ao mesmo tempo, son síntoma da boa saúde dun grupo empresarial con máis de corenta anos de existencia”.

-“Cando hoxe falamos do futuro da economía e da empresa, temos que aludir inevitablemente á necesidade de asumir continuamente retos de competitividade e da globalización que obrigan a innovar, a diversificar e a estar presentes nos mercados internacionais”.

-“Precisamente, un dos obxectivos principais da acción de goberno da Xunta de Galicia é traballar pola internacionalización da nosa economía, con todo o que isto significa”.

-“Sen embargo, de pouco valen os esforzos da Administración se non existe un empresariado con iniciativa, que asuma a responsabilidade de acadar a súa propia modernización e consolidación. Os empresarios son os verdadeiros protagonistas do imprescindible cambio estrutural que se fai necesario en todo momento”.

-“A Xunta de Galicia é consciente dese necesario cambio que están a afrontar as empresas galegas e non escatima esforzos para incentivar o desenvolvemento de iniciativas empresariais que xeren riqueza e que proporcionen vantaxes competitivas sostibles a longo prazo. O seu papel debe limitarse á adaptación do marco xurídico e económico ás necesidades actuais para favorecer o desenvolvemento competitivo do noso tecido industrial”.

-“Hoxe estamos ante unha empresa plenamente implicada en procesos innovadores na industria do aluminio, un sector de indubidable significación no contexto económico de Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia