Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Adega edita unha publicación sobre economía e medio ambiente

Segundo os autores, as bases da economía ambiental descansan na lóxica máis simple: a importancia de analizar as causas e as implicacións económicas da degradación ambiental, e a necesidade de deseñar incentivos económicos para frear este proceso. A premisa fundamental da economía ambiental –e paradoxalmente a máis polémica– é que o medio ambiente e a economía non se poden contemplar separadamente, pois cambios nun deles afectan inexorabelmente ao outro.
Sistema económico dependente do ambiente
Para a economía ambiental, o sistema económico está asentado nos sistemas ecolóxicos (biosfera) e sen o seu soporte non pode sobrevivir. A consideración en serio desta realidade require pasar da concepción lineal clásica que prescinde da biosfera a unha concepción ou enfoque circular, o da Economía Ambiental (ver gráfico nos anexos). En definitiva, deberiamos deixar de nos comportar como se vivisemos nunha economia cow-boy, típica do antigo oeste americano, con territorios ilimitados por descobrir -recursos e vertedoiros- e comezar a pensar no planeta como un sistema finito ou pechado.
Contabilidade Nacional Verde
O ADEGA-Cadernos aborda o concepto de Contabilidade Nacional Verde, que ten en conta o valor e a depreciación do capital natural. Así, o Produto Nacional Bruto (PNB) verde é o resultado de axustar o PNB convencional, restándolle os danos ambientais causados (perda de recursos) e os gastos defensivos en prevención e mitigación destes danos, e sumándolle os servizos que o ambiente nos proporciona, entre eles a súa capacidade de depuración de residuos.
A imposición ambiental
Os tributos ambientais son complementarios, nuns casos, ou alternativos, noutros, aos mecanismos de mandato e control (normativa ambiental sobre límites de emisións, etc). Son os países máis desenvolvidos os que lideran a aplicación da imposición ambiental: só catro países (Canadá, Dinamarca, Finlandia e Noruega) contan con 95 tributos ambientais, cifra que se eleva a 176 se facemos o cómputo para os dez primeiros países (os anteriores máis Austria, Holanda, Reino Unido, Suecia, Suíza e o Xapón).
No Estado español foron as Comunidades Autonómas as administracións mais decididas na aplicación da imposición verde. Un exemplo é o imposto galego sobre a contaminación atmosférica, que data de 1995. Este imposto presenta diversas deficiencias, como son unha baixa correspondencia co problema ambiental que se quere controlar (as afeccións por chuvia ácida), unha actuación limitada na incentivación e un traslado a prezos finais da electricidade probabelmente insignificante.
¿Como saber o valor dun Parque Natural ou os custos da contaminación urbana?
O nº 8 do ADEGA-Cadernos trata tamén dos métodos de valoración ambiental, que estiman o valor económico dos bens e servizos ambientais co obxectivo de fornecer información valiosa para a xestión de recursos naturais. Coa aplicación destes métodos tense chegado no noso país a conclusións tan interesantes como a de que os gastos anuais da Administración no mantemento do uso recreativo do Parque Natural do Monte Aloia presentan unha rendibilidade do 430%, ou que os beneficios de desenvolver medidas para a redución da contaminación no centro urbano de Vigo atinxen os 72 millóns de euros/ano (12.000 millóns de ptas/ano, cantidade equivalente ao 6% da renda total dispoñíbel das familias viguesas).
A avaliación dos danos do Prestige
A publicación inclúe un apéndice sobre a avaliación dos danos ambientais da marea negra do Prestige. A importancia da perspectiva da economía ambiental para a defensa dos intereses de numerosos e diversos sectores galegos afectados pola traxedia fica de manifesto no feito de que a aplicación máis polémica dun tipo de método de valoración económica foi cando se utilizou para requerir indemnizacións á empresa Exxon, despois do encallamento do petroleiro Exxon Valdez en Alaska, en 1989. O estudo encargado polo Estado de Alaska permitiu esixir á empresa indemnización pola perda de valores de non uso (como poden ser a riqueza paisaxística e biolóxica, patrimonio de toda a sociedade).
ADEGA-Cadernos é unha publicación dedicada a aprofundar en determinados temas de interese, difundindo información científico-técnica. Os seus artigos son escritos por especialistas. Cada número de ADEGA-Cadernos está dedicado a unha área temática en particular.
Adega