Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Arcanxo Festival, a nova cita para os metaleiros galegos que traerá o metal internacional a Ponteareas

As entradas para o evento poden ser adquiridas a través da web www.arcanxofestival.com a un prezo de 50€ os abonos completos e de 35€ as entradas de día. As persoas menores de 12 anos terán entrada de balde.

Contará con acampada de balde, que, ao igual que os concertos, desenvolverase “no marco natural incomparable da Freixa, na parroquia de Ribadetea”, sinalan dende a organización. “O recinto do festival estará xunto á praia fluvial da Freixa, un espazo de lecer fermoso no que mergullarse antes de que abran as portas do festival, ou mesmo entre concerto e concerto”, explican.

Ponteareas converterase na capital galega do metal cun total de 13 concertos. Angelus Apatrida e Ratos de Porão serán os encargados de liderar a xornada do venres 19 de xullo, na que tamén subirán ao escenario, a partir das 18:00, a banda vasca Rise to Fall e as galegas Mano de Piedra, Milhomes e Strikeback. O día seguinte, o sábado 20, Enforcer e Evil Invaders encabezarán unha programación que inclúe aos madrileños Brothers Till We Die, aos asturianos Aneuma e As Life Burns e aos galegos Balmog e Cochambre.

O Arcanxo comeza deste xeito a súa andaina posicionándose xunto ás grandes citas metaleiras do verán galego, como o Resurrection Fest de Viveiro ou o Kanekas Metal Fest de Cangas do Morrazo. “Estamos encantados de contar con bandas de tanto nivel e que representan a practicamente todos os diferentes estilos da música metal”, afirman dende a organización. “Optamos por comezar cun cartel por todo o alto, e estamos seguros de que os fans do estilo o desfrutarán ao máximo; o Arcanxo é un festival que vén para quedarse, completando coa súa proposta a oferta festivaleira do sur de Galicia”, engaden.

Angelus Apatrida, cabeza de cartel do Arcanxo Festival, é un dos maiores expoñentes do metal de todo o territorio peninsular, cun estilo thrash que ten levado ao cuarteto por grandes festivais de todo o mundo. Así, a banda de Albacete non ten parado de medrar dende a súa fundación no ano 2000. Conta con oito álbumes de estudio no seu haber, o último dos cales, Aftermath, foi lanzado o pasado outubro de 2023 polo selo alemán Century Media Records, alcanzando o número 4 nas listas de vendas españolas.

Os albaceteños estarán acompañados pola mítica banda de hardcore punk e crossover thrash Ratos de Porão, fundada en San Paulo en 1981. Nos seus máis de 40 anos de traxectoria foron pioneiros dos sons extremos en Brasil, lanzando varios discos que son hoxe considerados clásicos do xénero, como Crucificados pelo Sistema (1984) ou Brasil (1989). Lideran a banda o vocalista João Gordo e o guitarrista Jão, presentes en todos os seus álbumes de estudio.

Enforcer serán, pola súa banda, os cabezas de cartel do sábado 20 de xullo. Esta agrupación formada en 2004 en Arvika, Suecia, revive o son máis clásico do heavy metal e o speed metal dos anos oitenta, como se pode apreciar nos seus seis álbumes de estudio. O último deles, co axeitado titulo de Nostalgia, saíu á rúa en maio do pasado ano 2023 coa discográfica Nuclear Blast.

Finalmente, Evil Invaders será outro dos pratos fortes do 20 de xullo coa súa mestura de thrash metal e speed metal. O grupo naceu en 2007 na localidade belga de Leopoldsburg, e dende entón teñen lanzado co selo Napalm Records os álbumes Pulses of Pleasure (2015), Feed Me Violence (2017) e Shattering Reflection (2022), cos que acadaron unha gran acollida entre os seguidores do xénero. Completarán o cartel o death metal melódico de Rise to Fall e Aneuma, o metalcore de Brothers Till We Die e As Life Burns, o sludge metal de Mano de Piedra e Milhomes, o black metal de Balmog, o thrash metal de Strikeback e o death metal de Cochambre
ITP Promotions