Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentada a nova edición do Resurrection Fest, que se celebrará desde o mércores en Viveiro

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe xunto o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, na presentación da nova edición do Resurrection Fest, que un ano máis volve contar co apoio do Goberno autonómico no marco do traballo de Turismo de Galicia por impulsar os grandes concertos e festivais que sexan que de converter o turismo nun efecto tractor da economía local e consolidar a marca Galicia e Xacobeo de xeito internacional.

O director de Turismo salientou a consolidación deste festival nos seus 18 anos de vida que “foi quen de poñer no mapa internacional a Mariña lucense a través dun traballo constante e coordinado cun festival que cada ano se reforza como atractivo turístico”, indicou. Neste sentido, salientou o importante papel que a Mariña lucense está a ter no turismo galego, ao converterse o ano pasado entre os cinco destinos nos que máis medrou a demanda, un 11% neste caso.

Xosé Merelles salientou a importancia de que eventos como o Resurrection Fest estean a conseguir que o modelo turístico galego siga avanzando na diversificación, con oferta atractiva en distintos destinos, e que tamén demostre a capacidade da Comunidade galega para ser sede de grandes espectáculos. Como explicou, este tipo de eventos, relacionados con grandes concertos e festivais, ocupan un lugar destacado na xestión turística da Xunta, como demostra o apoio que Turismo de Galicia vén dando a estes festivais nos últimos anos. Salientou, tamén que a Xunta seguirá a ter en conta este modelo na Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030 na que o Goberno galego está a traballar.

O Resurrection Fest celebrará este ano a súa edición número 19. A organización espera unha asistencia de máis de 120.000 persoas desde o mércores e ata o sábado, coa participación de preto dun centenar de artistas nos catro escenarios do recinto. Inclúe entre os seus nomes algúns referentes internacionais como Alice Cooper, The Offspring, Avenged Sevenfold, Bring me the horizon, Megadeth ou Bruce Dickinson.
Resurrection Fest