Do 16 ao 27 de outubro, volve o Festival Internacional de Teatro de Ourense
11 días de programación
Neste ano 2024, o Fito, indican desde a súa organización, “chega coa vontade de revalidarse como espazo de convivencia democrática, como facilitador de transferencia de coñecemento, como un escaparate no que se apertarán xéneros, experiencias e linguaxes coa vontade de comunicarse cos seus espectadores máis fieis pero tamén con aqueles que aínda non o senten como unha cita propia”. Con 16 anos de existencia do festival ás costas, indican, “seguimos ambicionando seguir medrando deseñando unha programación aberta á cidadanía”.
Nesta ocasión serán 11 días de programación, con 13 espectáculos de xéneros diversos e de compañías procedentes de Galicia, Catalunya, Madrid, Arxentina e Portugal-Alemaña. Os escenarios elixidos en Ourense cidade son o campus, o Liceo, o Teatro Principal e a Praza de San Martiño. Xa en Celanova haberá actuacións na súa Praza Maior e no Auditorio Municipal. A programación arrancará o día 16 no Liceo coa obra Vía morta, de Culturactiva e rematará o día 27 no Teatro Principal con O auto do Castromil, de Producións Teatrais Excéntricas, habendo no medio actuacións como a de Mercedes Peón Ósmose. Segundo explicou Fina Calleja na presentación, nesta edición do Fito, seguindo o espírito das anteriores, apóstase nesta programación “polo hibridismo, as novas linguaxes e a paridade”.
Concretamente no campus de Ourense, na sala Emilia Pardo Bazán, no Edificio de Ferro, serán dúas as actividades que se celebrarán. O martes 22 poderá verse o espectáculo María Consolación Visitación Amadora, de Loia Producións, e o día 23 67 Graos-Ourense Fervescénica, un espazo de encontro e diálogo entre disciplinas e artistas.
Universidade de Vigo (UVigo)