Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta sinala que o presidente do Goberno confirmou retrasos no Plan Galicia

Para a Xunta de Galicia, a conferencia pronunciada en Santiago polo presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, supuxo unha nova ocasión perdida para comprometerse coas grandes infraestructuras da Comunidade Autónoma e, en particular, coas contempladas no Plan Galicia.

As súas referencias ás obras en marcha só serviron para confirmar o retraso das mesmas, polo que non se cumprirán os prazos aprobados pola unanimidade de tódolos grupos no Congreso e o Parlamento galego. Zapatero evitou explicar se o Executivo vai rematar ou non o Plan Galicia dentro dos prazos solicitados por tódolos grupos do Congreso e o Parlamento galego.

Dende o punto de vista do rigor, non é aceptable que o presidente do executivo central afirme que “se están a axilizar ó máximo as previsións de inversión” tendo en conta que nun ano a única obra do Plan Galicia licitada foi un tramo de AVE de 3,9 quilómetros correspondente ó Eixo Atlántico. Analizando o BOE pódese comprobar que en ningunha outra infraestructura se rexistraron avances en materia de licitación de obra nova, tanto no que se refire á alta velocidade como ás autovías.

RETRASOS AVE

Zapatero obviou tamén dar explicacións sobre o retraso inxustificable da liña de alta velocidade Santiago-Ourense, na que o seu Goberno paralizou a licitación de dous tramos por importe de 207 millóns de euros. Limitouse a anunciar que estará en obras a finais de 2005 cando existía un compromiso de iniciar as finais de 2004 para poder cumprir os prazos, confirmando deste xeito un ano de demora no inicio da súa construcción.

No seu relatorio de obras non fixo referencia algunha ó 75% das liñas de AVE do Plan Galicia. Así, non falou dos treitos Santiago-Vigo e Ferrol-Coruña do Eixo Atlántico, nin dos AVE Ourense-Meseta, Ourense-Lugo, Ourense-Vigo, Cantábrico, Ponferrada-Monforte e Lugo-A Coruña. Deste xeito, Zapatero non explicou por qué ningunha destas liñas avanzou na súa tramitación nos últimos doce meses e se atopan na mesma situación que en abril de 2004. Cabe salientar o que o AVE Ourense-Meseta, leva 17 meses sen rexistrar avance algún, dende que en decembro de 2003 foi sometido a información pública.

PORTO EXTERIOR DA CORUÑA

A intervención de Rodríguez Zapatero tivo ademais erros sorprendentes, como a afirmación de que antes da chegada do Goberno socialista “só había un estudio de viabilidade” do porto exterior de Punta Langosteira, cando se trata dunha obra que foi licitada no BOE o 25 de febreiro de 2004 polo anterior Ministerio de Fomento.

En cambio, eludiu explicar por qué o Goberno non solicitou a tempo os fondos comunitarios para a nova dársena coruñesa e si os pediu para os portos de Xixón e Sevilla, que agora contan con financiamento da UE a pesares de que a súa tramitación estaba máis retrasada que a do porto exterior da Coruña.

AUTOVÍAS

En canto á súa referencia ás autovías do Plan Galicia, confirmou o retraso no que se atopan tódolos proxectos. Así, asegurou que en 2005 o Ministerio de Fomento só licitará tres novos tramos da autovía do Cantábrico (os outros tres xa foron licitados polo Goberno anterior), cando a finais de 2004 tiñan que estar licitados ou en obras os 14 tramos de que consta esta infraestructura para cumprir os prazos aprobados no Congreso dos Deputados.

No resto das autovías o único que fixo foi ratificar as demoras que a Xunta ven denunciado dende hai meses.

PRESUPOSTOS

En relación cos presupostos xerais do Estado para o 2005, a Xunta de Galicia vese na obriga de lembrar, unha vez máis, que os investimentos previstos en materia de estradas, ferrocarril e portos supoñen un 56% menos do solicitado polo Parlamento galego e o Congreso dos Deputados para as obras do Plan Galicia, o que de feito implica retrasos na meirande parte das actuacións.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia