Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia reduce os parados en 47.500 persoas no último ano, cunha baixa do 25'89% que a sitúa como a CC.AA. con maior descenso relativo

Galicia foi a Comunidade Autónoma que rexistrou un descenso máis acusado do paro en termos relativos entre o primeiro trimestre de 2004 e o mesmo período do 2005, experimentando unha baixa do 25,89 por cento, tres veces máis que a media estatal, que se situou no 8,20%. Así, o número de desempregados reduciuse en 47.500 persoas no último ano en Galicia, segundo se desprende da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feita pública hoxe polo Instituto Nacional de Estatística.

Con respecto ao trimestre anterior (4º trimestre de 2004), o 40% dos que saíron do paro en España fixérono na Comunidade galega, xa que dos 59.700 parados que se reduciron en total no Estado, 22.900 foron en Galicia. En termos relativos, a baixa foi do 14,41%, cinco veces máis que a rexistrada no Estado (-2,77%). Galicia sitúase así como a segunda Comunidade Autónoma en descenso porcentual do paro con respecto ao trimestre anterior, despois de Cataluña.

Segundo os datos da EPA, a taxa de paro situouse en Galicia no 10,90 por cento (porcentaxe de parados respecto á poboación activa), tan só 0,7 puntos por riba da media estatal, que foi do 10,20%. Isto supón un descenso deste indicador en Galicia de 1,6 puntos porcentuais con respecto á taxa rexistrada no último trimestre de 2004 (pasa do 12,57 ao 10,90%); fronte a isto, a reducción da taxa no Estado foi de só 0,36 puntos (pasou do 10,56 ao 10,20%). Así prodúcese un significativo achegamento da taxa galega á media do conxunto do Estado.

INCREMENTO DE OCUPADOS

Así mesmo, o número de ocupados aumentou tanto con respecto ao trimestre anterior como na evolución interanual. A poboación ocupada en Galicia medrou no último ano en 46.900 persoas (un 4,40%), rexistrándose un total de 1.112.300 ocupados. Con respecto ao cuarto trimestre de 2004, no primeiro trimestre do ano o número de ocupados de Galicia medrou en 6.600 persoas, o que supón un aumento do 0,59 por cento.

Segundo a EPA, en Galicia rexistráronse no primeiro trimestre de 2005 un total de 1.248.300 activos, polo que a taxa de actividade (porcentaxe de poboación activa respecto da poboación de 16 anos e máis) situouse no 52,83%, xa que o número de galegos de 16 e máis anos foi no primeiro trimestre do ano de 2.362.800 persoas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia