Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga salienta a especial alianza existente entre Caixa Galicia e Ferrol, posta de manifesto na recuperación dun edificio emblemático da cidade

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, agradeceu a sensibilidade amosada por Caixa Galicia para coa cidade de Ferrol, ao recuperar un edificio emblemático, situado na Praza da Constitución, unha idea arquitectónica concibida hai máis de 204 anos por Dionisio Sánchez Aguilera e á que lle deu forma José López Llanos. O titular da Xunta agradeceu a aposta da entidade financeira polo patrimonio cultural dos ferroláns e polo seu futuro, “nuns tempos –dixo- en que algúns reparten desprezo e marxinación cara esta terra”.

Na inauguración do novo edificio da Fundación Caixa Galicia na cidade departamental tamén participaron, ademais do titular do Goberno galego e do director xeral da entidade financeira, o delegado do Goberno en Galicia, o alcalde da cidade e o bispo da diócese de Mondoñedo Ferrol.

POTENCIACIÓN DA CULTURA

Na súa intervención, o máximo mandatario galego amosouse confiado en que a posta en marcha desta iniciativa contribúa a acadar un “enriquecemento da vida cultural e social” de Ferrol, axudando a que figuras como Concepción Arenal, Pérez Villamil, Álvarez de Sotomayor ou Torrente Ballester “non sexan illotes na cultura ferrolán e atopen relevos entre as novas xeracións ás que –lembrou-, é preciso dar tamén oportunidades para que poidan desenvolver o seu talento, ben sexa este artístico, técnico ou empresarial”.

Así mesmo, Manuel Fraga congratulouse de que a entidade financeira soubese combinar a historia e a tradición do edificio situado na Praza da Constitución coas novas oportunidades tecnolóxicas, posibilitando que os artistas da cidade poidan darse a coñecer e permitindo a inclusión de Ferrol “no circuíto cultural español”.

Por último, o titular do Goberno autonómico salientou a “especial alianza” existente entre Caixa Galicia -nacida baixo o xerme da antiga Caixa de Aforros de Ferrol- e a cidade departamental, posta de manifesto novamente hoxe, dixo, “ao devolver, coa súa obra social, a confianza que a cidadanía ferrolá depositou desde sempre na entidade”.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DO EDIFICIO DA FUNDACIÓN CAIXA GALICIA

- “Hai xa 204 anos que a idea arquitectónica concibida por Dionisio Sánchez Aguilera, á que dotou de forma de xeito definitivo José López Llanos comezou a prestar servizo a Ferrol. As súas utilizacións ao longo dos anos foron diversas, destacando, ademais das funcións carcelarias e militares, as docentes”.

- “Anos despois, unha caixa de aforros, Caixa Galicia, tivo a sensibilidade de recuperar para o patrimonio cultural dos ferroláns esta edificación, aproveitando toda a súa historia e tradición e combinándoa acertadamente coas novas oportunidades tecnolóxicas”.

- “Nunha cidade aínda recentemente castigada por unha nova reconversión industrial resulta especialmente gratificante atopar institucións como Caixa Galicia, institucións que cren no seu futuro, e demostran esta crenza da mellor maneira posible, que é por medio de investimentos que melloran a calidade de vida e o nivel de oportunidades das súas xentes”.

- “Caixa Galicia, entidade nacida baixo o xerme da antiga Caixa de Aforros de Ferrol, veu demostrando desde sempre unha especial alianza coa cidade departamental, devolvendo, coa súa Obra Social e coa súa sensibilidade financeira, a confianza que a cidadanía ferrolá depositou desde sempre na entidade”.

- “Ao traveso do espazo cultural que hoxe inauguramos posibilitarase a inclusión de Ferrol no circuíto cultural español e contribuirá a transmitir e impregnar de cultura esta cidade, ao tempo que tamén se xeran oportunidades para que os nosos artistas ferroláns poidan darse a coñecer”.

- “Por último, tan só me resta agradecer novamente a sensibilidade de Caixa Galicia na recuperación e modernización deste edificio, agradecer que nuns tempos en que algúns reparten desprezo e marxinación cara esta terra, esta institución semente esperanza e redobre a súa aposta por Ferrol, asumindo o papel dos novos ilustrados do século XXI”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia