Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga salienta a necesidade de diversificar e innovar o agro galego para convertelo en referente de calidade de vida

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, salientou que conceptos como diversificación, innovación, apertura cara novas tecnoloxías, capacidade emprendedora e perspectivas de futuro resumen as transformacións necesarias para que o agro “galego siga a ser o motor de desenvolvemento económico, referente de calidade de vida e espazo singular para a realización persoal, o lecer e a creatividade”.

O titular do Goberno galego facía esta reflexión no decurso do acto de entrega da segunda edición do Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego, que nesta edición recaeu no proxecto de Rehabilitación Integral Artesanía ‘Os Muíños’, promovido pola Asociación de Artesáns de Mondoñedo ‘Os Muíños’. Ao acto tamén asistiu o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rurul, Xosé Antonio Santiso Miramontes.

O Executivo autonómico concedeu dous accésits ao Museo Casa do Patrón, de Lalín, e á Xestión e Conservación do Patrimonio Natural e Cultural na Finca Carballido, en Lugo. Ademais, mereceron mencións de honra, a rehabilitación da Escola Unitaria de Gondré, da Asociación de Veciños San Martiño de Gondré, en As Pontes; e o Desenvolvemento rural a través da intervención sobre o Patrimonio e o Territorio do Concello de Allariz.

EXEMPLO E RONSEL

Referíndose a estas actuacións premiadas na segunda edición deste galardón, Manuel Fraga salientou que “representan unha pequena mostra que a Xunta quere recoñecer expresamente, polo que significa de exemplo e ronsel a seguir para o futuro”.

“Xunto coa implantación de empresas –engadiu o mandatario galego- dos máis diversos sectores e as melloras nos procesos produtivos agrícolas e gandeiros, este tipo de iniciativas contribúen a implantar no medio rural as transformacións que hoxe se fan indispensables”.

CARÁCTER DIFERENCIAL

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que durante séculos “os nosos devanceiros axudaron a delimitar a identidade de territorios, a establecer un carácter diferencial que perdurou como un legado transmitido a novas xeracións que recolleron ese espírito de traballo en sintonía co medio e cos seus recursos, aplicando a súa mesma filosofía e os principios inspiradores”.

Froito desa herdanza, na Galicia de hoxe, segundo apuntou o titular do Executivo autonómico, multiplícanse os novos proxectos e as accións innovadoras que axudan a manter e fomentar a identidade singular de cada territorio.

O presidente da Xunta cualificou de cruciais as achegas das asociacións do rural, dunha persoa concreta, un concello ou calquera entidade que desenvolve a súa actividade no contorno galego, pese a que en ocasións “non conte coa transcendencia mediática doutro tipo de actuacións, con cifras de investimento máis significativas”.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NO ACTO DE ENTREGA DA SEGUNDA EDICIÓN DO PREMIO AGADER AO EMBELECEMENTO DO MEDIO RURAL GALEGO

- “Séculos de bo facer dos nosos devanceiros axudaron a delimitar a identidade de territorios, a establecer un carácter diferencial que perdurou como un legado transmitido a novas xeracións que recolleron ese espírito de traballo en sintonía co medio e cos seus recursos, aplicando a súa mesma filosofía e os principios inspiradores”.

- “Na Galicia de hoxe, desde Ortegal ao Miño, multiplícanse novos proxectos e accións innovadoras que axudan a manter e fomentar esa identidade singular de cada territorio”.

- “Ese gran esforzo realizado por unha asociación do rural, unha persoa concreta, un concello ou calquera entidade que desenvolve a súa actividade no noso medio máis querido, quizais non conte coa transcendencia mediática doutro tipo de actuacións, con cifras de investimento máis significativas, pero a súa achega resulta crucial”.

- “As actividades premiadas nesta segunda edición do Premio Agader ao embelecemento do medio rural representan unha pequena mostra que a Xunta quere recoñecer expresamente, polo que significa de exemplo e ronsel a seguir para o futuro”.

- “Xunto coa implantación de empresas dos máis diversos sectores e as melloras nos procesos produtivos agrícolas e gandeiros, este tipo de iniciativas contribúen a implantar no medio rural as transformacións que hoxe se fan indispensables”.

- “Unhas transformacións que resumimos en conceptos como diversificación, innovación, apertura cara a novas dedicacións, capacidade emprendedora e perspectivas de futuro. Todo un conxunto de accións dirixidas a que o agro siga a ser motor de desenvolvemento económico, referente de calidade de vida e espazo singular para a realización persoal, o lecer e a creatividade”.

FICHA TÉCNICA:

- Segundo Premio Agader ao embelecemento do medio rural
· Rehabilitación Integral Artesanía Os Muíños, da Asociación de Artesáns de Mondoñedo Os Muíños.

- Accésits:
· Museo Casa do Patrón, de Lalín.
· Xestión e Conservación do Patrimonio Natural e Cultural na Finca Carballido, en Lugo.

- Mencións de honra:
· Rehabilitación da Escola Unitaria de Gondré, da Asociación de Veciños San Martiño de Gondré, As Pontes.
· Desenvolvemento rural a través da intervención sobre o Patrimonio e o Territorio do Concello de Allariz.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia