Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Medio Ambiente investirá 740.000 euros en obras de abastacemento no concello de Paradela

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, e o alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz, asinaron dous protocolos de colaboración para dotar de abastecemento de auga a tres parroquias do municipio. As actuacións suporán un investimento por parte do departamento autonómico de 740.405 euros.

A primeira e a máis importante das actuacións está destinada a dotar do servizo de abastecemento de auga a catro lugares da parroquia de Barán. As obras teñen un orzamento de 381.405 euros e consistirán na construción dun azude, unha estación de tratamento de auga potable (ETAP), un depósito, un sistema de bombeo e unha rede de distribución. O azude situarase no río Loio, mentres que o depósito terá unha capacidade de 750 m3 e a rede de distribución unha lonxitude de 4,4 quilómetros. Con esta infraestrutura achegarase o subministro de auga potable a 400 habitantes.

A outra actuación ten como obxectivo dotar de abastecemento os fogares dos 149 habitantes das parroquias de Castro de Rei e Andreade. Así, segundo o protocolo asinado, en Castro de Rei realizarase unha captación e unha condución xeral de 5 quilómetros de lonxitude e construirase unha ETAP, un depósito -de 200 m3- e unha rede de distribución de 0,4 quilómetros. Pola súa banda, o proxecto para Andreade contempla a execución dunha captación no lugar de Chousa da Abella e a construción dun sistema de bombeo, unha estación de tratamento para depuración (ETAP), un depósito -de 100 m3- e unha rede de distribución de 2 quilómetros de lonxitude. O investimento previsto para todas estas obras ascende a 359.000 euros.

COMPROMISOS

Tanto nunha como noutra actuación, a Consellería de Medio Ambiente -a través da Administración Hidráulica de Galicia- encargarase de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obras de todas as actuacións previstas. Unha vez que estean rematados os traballos, as obras serán entregadas para o seu uso público ao concello de Paradela, que a partir dese momento se fará cargo delas a todos os efectos.

Os protocolos contemplan ademais todas as actuacións complementarias necesarias para facer efectiva a execución das obras (estudos, proxectos, asistencias técnicas), así como as expropiacións de bens e dereitos que sexa preciso realizar.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia