Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga lamenta que o Ministerio de Fomento incumpra os seus compromisos con Mondoñedo

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, expresou o seu malestar pola falta de compromiso do Goberno Central con Mondoñedo, xa que o Ministerio de Fomento non investiu “nin un só céntimo” na execución das obras do Centro Cultural Álvaro Cunqueiro, razón pola cal non pode ser inaugurado na súa totalidade. Sen embargo, o Goberno galego si cumpriu coa súa parte do compromiso e destinou 1,8 millóns de euros ao Auditorio Municipal Pascual Veiga, obra que se integra neste Centro Cultural.

Sen embargo, falta a achega de Fomento, cifrada en 1,2 millóns de euros, para que o Centro Cultural Álvaro Cunqueiro poida executarse na súa totalidade. En principio, a posta en marcha do auditorio e da escola de música permitirá, segundo indicou o titular do Goberno galego, que a cidade conte cunha nova dotación cultural e social. Precisamente, Manuel Fraga lembrou que a cultura está presente en todos os currunchos e a cada momento do día na vila mindoniense.

ACERTO NA DENOMINACIÓN

Para o presidente da Xunta, denominar ao Centro Cultural co nome dun mindoniense tan representativo como Álvaro Cunqueiro é un acerto, non só para a vila, senón para Galicia enteira posto que a figura de Cunqueiro acadou xa ápices de universalidade. “É xa un galego universal, posto que universal é o coñecemento da súa obra”, indicou Manuel Fraga.

REHABILITACIÓN DE VIVENDAS

Dos 1,8 millóns de euros que a Xunta destinou á execución das obras do Centro Cultural, 600.000 euros foron achegados pola Consellería de Cultura e 1,2 millóns de euros proveñen do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Precisamente, en Mondoñedo, a Xunta de Galicia vén executando, desde o ano 1993, diversos plans en materia de rehabilitación de vivenda e de conservación do conxunto arquitectónico da vila. Estas axudas están financiadas en exclusiva pola Xunta.

Segundo salientou o mandatario galego, á área de rehabilitación de Mondoñedo foi declarada hai sete anos, nos que se levan asinado 6 convenios para a rehabilitación de 197 vivendas e para a realización de obras de urbanización e reurbanización. A achega total dos seis convenios asinados supera os 4,6 millóns de euros. Ademais, o Instituto Galego de Vivenda e Solo vén de rehabilitar 14 vivendas na zona dos Muíños, en Mondoñedo, por valor de 1,7 millóns de euros, obras que proseguirán no futuro inmediato, coa rehabilitación doutras 14 vivendas e 3 talleres por importe de 1,8 millóns de euros.

Precisamente, as actuacións promovidas pola Xunta de Galicia en materia de vivenda foron pioneiras dentro do conxunto do Estado. A Xunta creou axudas específicas para rehabilitación de vivendas tres anos antes de que se incluíran no Plan de Vivenda do Goberno Central e instituíu axudas específicas para familias numerosas e para menores de 35 anos, que posteriormente copiaría o Goberno Central. O último exemplo das medidas singulares promovidas pola Xunta en materia de vivenda vén constituído pola Bolsa de Vivenda en Alugueiro, creada en Galicia en febreiro de 2004. Os seus mecanismos están a ser calcados agora polo Ministerio de Vivenda, pero a diferencia da Xunta, o Goberno Central prevé cobrar pola prestación dos servizos prestados pola Axencia Pública de Alugueiro.

PÉSAME

Durante o percorrido polas instalacións do Auditorio Municipal, o presidente da Xunta tivo ocasión de trasmitirlle persoalmente o seu pésame ao irmán dos tres galegos asasinados recentemente na localidade arxentina de Junín. Manuel Fraga achegouse a el, entre o público asistente ao acto, e manifestoulle o seu “pésame máis sentido”.

Por outra banda, nesta visita ao auditorio mindoniense, o presidente da Xunta foi agasallado co libro Alfarero sin fronteras, que narra a historia do ex alcalde de Mondoñedo, Pascual Freire Díaz, emigrado en Uruguai e Arxentina durante moitos anos. O fillo de Pascual Freire foi o encargado de ofrecerlle o volume a Manuel Fraga.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DO AUDITORIO MUNICIPAL PASCUAL VEIGA

-“Como presidente da Xunta de Galicia non podo máis que manifestar a miña satisfacción por atoparme nesta inauguración do novo auditorio de Mondoñedo e a súa escola de música, obras que constitúen a primeira peza do Centro Cultural Álvaro Cunqueiro”.

-“E se como presidente da Xunta de Galicia debo manifestar a miña satisfacción polos resultados da colaboración entre o Concello de Mondoñedo e os organismos do Goberno Autonómico, non podo tampouco agochar a fonda preocupación que me produce o feito de que non poidamos hoxe inaugurar o centro cultural con todas as obras rematadas, a causa do incumprimento dos compromisos do Goberno Central, asumidos polo Ministerio de Fomento”.

-“A Xunta comprometeu un investimento de máis de 1,8 millóns de euros, dos que 1,2 millóns foron achegados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e os restantes 600.000 euros pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. O noso compromiso está cumprido. Falta agora que o Ministerio de Fomento realice as obras comprometidas, por importe de pouco máis de 1,2 millóns de euros, dos que polo momento non se executou nin un céntimo”.

-“Maior satisfacción, se cabe, produce o feito de que esta inauguración coincida no ano en que celebramos o cincuentenario da publicación da primeira novela de Álvaro Cunqueiro, que aínda que mindoniense de nacemento, é xa un galego universal, posto que universal é o coñecemento da súa obra”.

-“A efixie de Álvaro Cunqueiro preside a praza da Catedral, o centro vital do casco vello de Mondoñedo, no que a Xunta de Galicia está a actuar desde que en 1993 entraron en vigor as axudas para a rehabilitación de vivendas en conxuntos históricos galegos. Unhas axudas financiadas en exclusiva pola Xunta e que precederon ás áreas de rehabilitación, incluídas no Plan de Vivenda en 1996”.

-“Galicia creou axudas específicas para a rehabilitación de vivendas en cascos históricos tres anos antes de que se incluirán no Plan de Vivenda, e da mesma maneira instituíu axudas específicas para familias numerosas e para menores de 35 anos, que posteriormente o Goberno Central incluiría no Plan de Vivenda”.

-“O último exemplo das medidas pioneiras da Xunta en materia de vivenda é a Bolsa de Vivenda en Alugueiro, creada en Galicia en febreiro de 2004, e cuxos mecanismos están a ser copiados agora, un ano despois, polo Goberno Central para a posta en marcha da Axencia Pública de Alugueiro. Claro que hai unha diferenza notable, xa que os usuarios da Bolsa da Xunta non pagan nada por empregar os seus servizos, mentres a axencia estatal prevé cobrar aos primeiros o importe dunha mensualidade do alugamento e aos segundos o 20 por cento do alugueiro mensual”.

-“Pero volvendo sobre a rehabilitación das vivendas do casco histórico de Mondoñedo, a área de rehabilitación foi declarada en 1998 [...] xa se asinaron 6 convenios para a rehabilitación de 197 vivendas e a realización de obras de urbanización e reurbanizacion. O importe total dos seis convenios asinados supera os 4,6 millóns de euros, incluíndo as achegas de todos os implicados. Debo salientar que a creación das áreas de rehabilitación convive coas axudas exclusivas da Xunta”.

-“Nos Muíños, a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, está a desenvolver un proxecto pioneiro en Galicia: a rehabilitación integral da zona [...] A primeira fase deste proxecto está xa completada e recentemente 14 mozos mindonienses recibiron as chaves doutras tantas vivendas. A segunda fase do programa está xa en marcha e permitirá eliminar a nave que se atopa no medio do barrio e construír 14 novas vivendas e 3 talleres. Unha terceira fase permitirá completar a actuación, na que o IGVS leva investidos xa máis de 1,7 millóns de euros na primeira fase e investirá case 1,8 millóns na segunda”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia