Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Asociación de Novos Profesionais ponse en contacto cos 315 Concellos de Galicia.

Un grupo de recén licenciadas e licenciados das tres universidades galegas, crearon recentemente a Asociación de Novos Profesionais de Galicia (ANPG). O obxectivo que perseguen é o de promover unha cultura do traballo que permita acadar emprego con garantías en canto a salario e estabilidade.

Enmarcada como unha das súas primeiras actuacións, a asociación vén de porse en contacto con todos os Concellos galegos a través do correo electrónico para darse a coñecer, para solicitar o apoio das distintas corporacións municipais e tamén para pedirlles información sobre a súa capacidade de contratación de novos profesionais. Ademais, tamén iniciaron contactos coas tres universidades galegas, sindicatos, partidos políticos e outras institucións relevantes.
Os membros desta nova asociación galega amósanse críticos con algúns dos programas de inserción laboral propostos nos últimos anos pola administración, xa que, segundo afirma a presidenta da ANPG, Rebeca C. Martínez, “lonxe de contribuir á consecución dun obxectivo eficaz semellan máis ben panfletos para captación de votos”.

Opinan, por exemplo, que o Plan Labora non beneficia en nada a situación laboral da mocidade, senón que “é unha dilatación do tempo do universitario e un expendedor de expectativas pouco reais”.
Na actualidade participan neste Plan 284 Concellos de Galicia, é dicir, o 90%; do ano 2002 ao 2003, acolléronse ó Plan 12.957 persoas. Neste ano 2005 a Xunta destinará 58,9 millóns de euros ao Plan Labora e ata o momento a Administración non facilitou datos con respecto a cantos beneficiarios deste programa para xuventude se reincorporaron a un posto de traballo despois de cumprido o ano de contrato.

A Asemblea Constituínte desenvolveuse en Santiago o pasdo 15 de marzo, na Faculdade de Ciencias da Comunicación, e na mesma foi elixida presidenta Rebeca Caneda Martínez, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo. Os demais integrantes da Xunta Directiva son Jôao Alberto de Oliveira Vilaça, vicepresidente; Ledicia Trillo González, tesoureira; Anxela Chillón Álvarez, secretaria e Vanessa Fernández Segura, vocal.



Asdo.
Asociación de Novos Profesionais de Galicia (ANPG)
Rebeca C. Martínez