Xunta e Endesa formalizan o Pacto Ambiental
O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, e mailo director xeral de Endesa para España e Portugal, José Damián Bogas Gálvez, asinaron nas Pontes o pacto ambiental polo que esta compañía se compromete a realizar diversas actuacións a prol do desenvolvemento sostible. Os obxectivos son a restauración dos espazos naturais afectados tralo peche total da mina, así como a adaptación da central térmica ás esixencias da nova normativa ambiental. Segundo o acordo, Endesa investirá máis de 280 millóns de euros nestas accións, que se prolongarán por un prazo de dez anos.A través do Pacto, promovido pola Consellería de Medio Ambiente, trátase de incidir en todas as facetas do desenvolvemento sostible: ambiental, económica e social. Así, a adaptación da central térmica repercutirá na mellora do contorno natural ao tempo que garantirá a permanencia da actividade na zona e, polo tanto, o seu desenvolvemento económico e social. Cómpre salientar que as accións ambientais estenderanse tamén ao Parque Natural das Fragas do Eume, con estudos ecolóxicos da auga do río, coa plantación de 25.000 árbores de especies autóctonas e coa cesión dun edificio para usos deste espazo natural.
ACCIÓNS E ORZAMENTOS
Segundo o acordo, os obxectivos do Pacto Ambiental concrétanse na recuperación ambiental do espazo mineiro; na redución das emisións á atmosfera e dos vertidos; na minimización e control de residuos e de riscos ambientais e na optimización da xestión ambiental. Nestas liñas de acción, a Consellería de Medio Ambiente comprométese a facilitar todas as certificacións e autorizacións precisas para desenvolver as accións previstas.
No que respecta ao peche completo da mina, Endesa restaurará as 1.150 hectáreas que ocupa a escombreira exterior coa rexeneración do solo e cunha actuación global sobre toda a explotación. Crearase un lago no oco mineiro, coas infraestruturas hidráulicas precisas e cos tratamentos axeitados, que terá unha profundidade máxima de 200 metros. O lago recibirá a auga dos antigos ríos e mananciais que foron desviados da mina para facilitar a extracción de carbón e que serán devoltos así ao seu curso orixinal. Tamén se captará auga do río Eume, o mesmo que na era Terciaria contribuíu á formación do xacemento mineiro. O investimento destinado a estas actuacións ascende a 35, 1 millóns de euros.
Pola súa banda, o orzamento previsto para a redución das emisións á atmosfera na central térmica son de 239,2 millóns de euros; á redución e control dos vertidos hídricos destinaranse 540.000 euros; e 4 millóns de euros para a minimización e control de residuos. No acordo concrétase tamén un investimento de 820.000 euros para a minimización dos riscos ambientais e a potenciación do control do impacto no medio; e de 500.000 euros para a promoción de actividades de investigación.
REDUCIR EMISIÓNS E IMPACTOS
Na central térmica de carbón executarase unha transformación e modernización, ao amparo do que dispoña o Plan Nacional de Asignación (PNA) 2008-2012. Entre os anos 2005 e 2008 adaptaranse os grupos xeradores, de 350 megavatios de potencia unitaria, para funcionar só con hulla importada. O cambio suporá unha redución do 95 por cento das emisións de dióxido de xofre nun 95 por cento, do 16 por centro das de óxido nitroso e do 48 por cento das emisións de partículas.
Asemade, Endesa potenciará o control dos impactos ambientais da instalación mediante a renovación dos equipos de vixilancia e a implantación de medidas preventivas. Nesta liña, a central asume o compromiso de manter as certificacións de Calidade (ISO 9001) y de Xestión Medioambiental (ISO 14001) que xa posúe. Ao longo do presente ano solicitará a Autorización Ambiental Integrada que tramita a Consellería de Medio Ambiente.
RESPONSABILIDADE SOCIAL
O Pacto Ambiental formalizado hoxe representa a culminación do proxecto de sustentabilidade e responsabilidade social emprendido por Endesa para minimizar as repercusións ambientais, económicas e sociais da actividades desta central térmica no contorno.
Tras a sinatura do Pacto Ambiental, o vicepresidente segundo destacou o esforzo que representa esta iniciativa para a Endesa, que representa unha proba máis da súa sensibilidade co contorno natural e social no que actúa. Barreiro referiuse tamén ao importante labor que está a desenvolver o seu departamento para a formalización de pactos ambientais coas principais empresas instaladas en Galicia. Así, relevantes entidades como Alcoa, Cosmos, Cepsa ou Gas Natural sumáronse xa a estes acordos, garantía de compatibilización do desenvolvemento industrial de Galicia coa conservación do medio natural.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia
