Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Sanidade duplicará o número de camas de coidados paliativos e reforzará a atención a domicilio

O conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, presentou o Plan de Coidados Paliativos, unha ambiciosa iniciativa que se porá en marcha de inmediato coa fin de reforzar a cobertura asistencial dos enfermos terminais en todas áreas sanitarias de Galicia e que prevé un investimento anual de preto de 2.200.000 euros, así como un incremento dos recursos humanos coa incorporación de 77 profesionais. O Plan inclúe a creación de cinco novas unidades de Coidados Paliativos e a ampliación da dotación de unidades de Atención a Domicilio nas que sexa necesario para ofrecer unha atención integral aos pacientes. Con este importante aumento de servizos, a sanidade galega contará, en total, cunhas 140 camas específicas para coidados paliativos -máis do dobre das dispoñibles na actualidade-, que beneficiarán anualmente a 7.000 pacientes e as súas familias. A Consellería de Sanidade prevé tamén a posibilidade de crear, no futuro, unidades específicas nos hospitais comarcais coa fin de acadar unha total equidade na asistencia que reciben os pacientes.

Así, inclúese a creación de cinco novas unidades de Coidados Paliativos nos hospitais Provincial de Pontevedra, o Novoa Santos Ferrol e San José de Lugo, Gil Casares de Santiago e o Nicolás Peña de Vigo, aínda que neste último centro hospitalario existen xa algunhas camas específicas para coidados paliativos. Estes novos servizos sumaranse aos existentes nos complexos hospitalarios de A Coruña e Ourense.

As primeiras unidades poranse en marcha xa no mes de xuño e o resto entrarán en funcionamento, de xeito progresivo, unha vez que se terminen as obras de acondicionamento necesarias que xa se están a iniciar. A creación e ampliación destes servizos permitirá dispoñer dunhas 80 novas camas específicas para atención dos enfermos que precisan de coidados paliativos que se sumarán as 60 actuais. A maioría delas estarán en habitacións individuais.

En canto aos recursos humanos, o cadro de persoal específico destas cinco unidades estará integrado, en total, por 77 profesionais, entre facultativos, ATS-DUE, auxiliares de clínica. Este persoal, que se integrará en equipos interdisciplinares, contará ademais co apoio asistencial de traballadores dos centros hospitalarios, como son psicólogos, traballadores sociais, fisioterapeutas e auxiliares administrativos.

O Plan inclúe tamén a progresiva ampliación da dotación das unidades de Atención a Domicilio que sexa necesario para completar a atención integral dos coidados paliativos no domicilio. Esta importante ampliación de recursos -entre unidades de coidados paliativos e atención domiciliaria- beneficiará cada ano a máis de 7.000 pacientes e as súas familias. Cabe subliñar tamén que os recursos específicos do SERGAS se poderán completar cos asociativos.

Este novo programa contará cun presuposto anual de preto de 2.200.000 euros, ao que hai que engadir unha inversión inicial de máis de 800.000 euros para a realización das obras e a adquisición de mobiliario necesario para a súa posta en marcha.

OBXECTIVO DO PLAN

O obxectivo do Plan de Paliativos de Galicia é prestar atención integral de forma continuada as 24 horas do día, tódolos días da semana, aos pacientes con enfermidades (oncolóxicas e non oncolóxicas) en fase terminal e fomentar o papel destes servizos como unidades de investigación e docencia. Deste xeito, estas unidades ocúpanse de proporcionar os coidados necesarios e aliviar os síntomas dos pacientes que se atopan na fase terminal da súa enfermidade. O control destes síntomas –dor, afogo e angustia- inflúe directamente no benestar dos enfermos e das súas familias, que nestas unidades reciben tamén o apoio psicosocial que precisan.

Para isto, o Servizo Galego de Saúde traballará en tódolos ámbitos, coa fin de ofrecer unha resposta axeitada ao paciente. Trátase, en definitiva, de ofrecer unha atención interdisciplinar para dar un servizo de calidade aos pacientes que se atopan nun fase avanzada ou terminal da súa enfermidade. Para isto, óptase por incrementar os recursos específicos, a mellora dos existentes, como é o caso das unidades de Coidado a Domicilio, así como a coordinación entre os niveis asistenciais.

A implantación destes equipos de coidados paliativos completase tamén cunha formación básica en coidados paliativos a tódolos profesionais sanitarios, así como o desenvolvemento de programas específicos que permitan intervir en tódolos niveis asistenciais e mellorar así o benestar dos pacientes e os seus familiares.

DOCE PROGRAMAS DE ATENCIÓN A DOMICILIO

O Plan de Coidados Paliativos inclúe tamén a ampliación progresiva da dotación das Unidades de Atención a Domicilio que sexan necesarios para facilitar a atención integral aos coidados paliativos no domicilio. Na actualidade, a sanidade pública galega conta con 12 programas deste tipo, 10 propios do Servizo Galego de Saúde e dous concertados.

Entre as unidades propias, existen dous no complexo hospitalario de Vigo, e unha nos seguintes centros hospitalarios: Juan Canalejo de A Coruña, Xeral-Calde de Lugo, os complexo hospitalario de Ourense e Santiago, e os hospitais de Pontevedra, Arquitecto Marcide de Ferrol, Barbanza e Xunqueira. Ademais, existe dous concertadas en A Coruña e Vigo. A primeira é de dedicación exclusiva do Centro Oncolóxico, mentres que a segunda está en Povisa.

Estes programas xurdiron como unha alternativa á hospitalización clásica co obxectivo de proporcionar ao paciente, no seu domicilio, a asistencia necesaria e, neste caso, os coidados paliativos que precisan os pacientes, pero sen necesidade de saír do seu propio entorno. Para isto, é necesario que exista un familiar o un voluntario que se constitúa en responsable da administración dos coidados primarios.

Estes servizos aportan numerosas vantaxes para o enfermo, a súa familia e o hospital. Deste xeito, o paciente atópase máis cómodo no seu domicilio, o que evita tamén os trastornos que producen aos seus familiares o seu ingreso nun centro hospitalario. A implantación destes servizos tamén son positivos para os hospitais, xa que lograr aproveitar mellor os seus recursos ao permitir acurtar e evitar estadías. Deste xeito, libéranse camas que poden ser utilizadas por outros pacientes que teñen que permanecer necesariamente no hospital.

As unidades de hospitalización non só aportan beneficios para o paciente, a súa familia e o centro hospitalario, así o persoal sanitario ve o seu traballo dunha maneira máis humanizada, conseguindo unha maior integración paciente-familiar-persoal sanitario, ao mesmo tempo que se cumpre un obxectivo como é a colaboración da familia nos coidados do enfermo e o autocoidado por parte do paciente.






















Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia