Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Palmou fixa como obxectivo do Cexesga crear un espazo de interrelación policial, xudicial e de protección civil

O conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, fixou como obxectivo do Centro de Estudos Xudiciais e de Seguridade Pública de Galicia (CEXESGA) “crear un espazo de interrelación policial, xudicial e de protección civil, para estudar retos e problemas comúns, acadando así solucións uniformes, coordinadas e realistas”.

Xesús Palmou sinalou ademais que, co reto de mellorar o servizo prestado pola Administración de Xustiza en Galicia, incluíuse a formación do seu persoal dentro das competencias do CEXESGA coa finalidade de que estes traballadores “dispoñan da formación precisa para dar a resposta que os cidadáns demandan, o que redundará na calidade do servizo prestado pola Xustiza”.

O titular de Xustiza afirmou tamén, durante a súa intervención no acto de inauguración do Centro de Estudos Xudicias e de Seguridade Pública de Galicia, que con este novo organismo preténdese tamén “aportar aos Xuíces, Maxistrados, Fiscais e Secretarios Xudicias un centro de estudo, análise e debate, do que extraer conclusións innovadoras, facendo que a preparación que se inparta no centro sexa a máis actual”.

ACADEMIA DE SEGURIDADE

O conselleiro referiuse tamén ó importante labor realizado, durante estes anos, pola Academia Galega de Seguridade que permitiu “non só dar formación policial, senón tamén a voluntarios de protección civil e a bombeiros, garantindo, deste xeito, a posibilidade de actuación coordinada dos distintos corpos encargados da seguridade”.

Xesús Palmou loubou o labor formativo realizado na Academia desde a súa posta en funcionamento que se baseaba na concepción da Seguridade Pública “na súa máis ampla acepción, como un servizo que debe dar resposta rápida e eficaz, non só as agresións violentas procedentes do propio home, senón a calquer situación de agresión, de sinistralidade, ou de calquera outra emerxencia que se puidera presentar”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia