Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA preocupada polo futuro dos Planos Hidrolóxicos Norte I e II

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) manifesta a súa inquedanza por diversas actuacións do Ministerio de Medio Ambiente que supoñen un afastamento da política estatal da nova cultura da auga. Estas decisións tómanse cando
semellaba que o novo Goberno central, a diferenza do anterior, asumira en boa medida os principios da nova cultura da auga. ADEGA comparte a preocupación neste senso expresada pola Fundación Nova Cultura da Auga (FNCA), formada por expertos de España e de Portugal. ADEGA está preocupada pola forma en que se fará a necesaria revisión dos Planos Hidrolóxicos Norte I (bacías Miño-Sil e Limia) e Norte II (que inclúe
as bacías do Navia e do Eo).
ADEGA aplaudiu no seu día a decisión do Ministerio de Medio Ambiente de inviabilizar o encoro de Narla (Terra Chá), impulsado pola Xunta e pola Deputación Provincial de Lugo para o abastecemento de Lugo. Porén, cómpre non esquecer que polo de agora seguen vixentes 10 propostas de encoros no Plano Hidrolóxico Norte I, aprobado en 1998: Riolongo, Miñotelo, Quintas, Guimarais, As Rozas, Neira, Quiroga, Arcos, Tea e Faramontaos.
ADEGA rexeita decisións e actuacións do Ministerio do Ambiente incompatíbeis coa nova cultura da auga, como por exemplo a ampliación do aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Frieira (río Miño), a forma en que se están a executar as obras de “acondicionamento” do río Mero, o atraso do proxecto de restauración e conservación das Gándaras de Budiño ou o escaso interese amosado na restauración das áreas afectadas polas canteiras de lousa en Valdeorras e no Courel.
Para a FNCA, “a vía libre que recentemente recibiron os trasvases Júcar-Vinalopó e Texo-A Mancha, así como o recrecemento de Yesa e Breña II, no contexto da vixencia do anexo II do Plan Hidrolóxico Nacional, afasta a política do Ministerio do Ambiente das propostas da nova cultura da auga” e representan unha “inflexión evolutiva”. A nova cultura da auga avoga pola boa xestión da auga como recurso e dos ecosistemas e paisaxes vinculados a ela. Neste sentido apuntaban decisións positivas como a derrogación dos trasvases do > Ebro.
A FNCA suliña que a política tradicional de obras hidráulicas, incompatíbel coa Directiva europea Marco de Augas, “saldouse con notábeis fracasos: lonxe de conseguir auga abundante “para todos”, impulsou a espiral insustentábel de demanda de auga e a crispación no seu reparto así como a diminución da calidade”.
A proposición de iniciativa lexislativa popular para a conservación e a mellora dos ríos galegos (www.ilprios.org) que ADEGA impulsa xunto con outros colectivos, está inspirada polos principios da nova cultura da auga e contribuiría á aplicación da Directiva marco da auga no noso país.
Adega