Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Educación inviste 450.000 euros en mellorar varios centros educativos de Teo

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, asinou en Teo un protocolo de convenio co alcalde desta localidade, Armando Blanco Martínez, en virtude do cal se realizarán diversas melloras en varios centros educativos do municipio.

Así mesmo, o conselleiro achegouse ao CEIP da Ramallosa, onde tivo a oportunidade de coñecer de preto as súas instalacións e conversar coa súa comunidade educativa. Concretamente, neste centro a Consellería de Educación ten previsto construír un novo ximnasio e revisar os espazos cubertos de xogos e lecer.

No CEIP da Ramallosa tamén se mellorarán os equipamentos e servizos de comedor e cociña, adaptaranse as instalacións contra incendios, e realizaranse actuacións dirixidas a garantir a accesibilidade no centro.

Por outra banda, no CEIP dos Tilos acondicionarase o patio de Educación Infantil e reivisaranse as instalacións de calefacción, ademais de adecuar e mellorar os accesos e servizos ao edificio de Infantil e de realizar actuacións tamén para garantir a accesibilidade do centro.

No CEIP “A Igrexa-Calo” tamén se mellorarán os equipamentos e servizos de comedor e cociña, adecuarase a cuberta do patio de Educación Infantil e os accesos desde o patio cuberto. Por último, no IES de Cacheiras substituirase o pechamento lateral da parcela.

En total, a Administración educativa investirá 450.000 euros en realizar todas estas melloras.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia