Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Rechamante atitude do concelleiro do PP ante a compostaxe: a que xoga Ricardo García Borregón?

Recentemente, o concelleiro García Borregón (que hai uns meses se destacou —xunto co alcalde Sánchez Bugallo— pola súa forte implicación na campaña de intoxicación contra a compostaxe) ven de facer unha rechamante proposta de criazón en Compostela dunha planta piloto de compostaxe na que SOGAMA elaboraría compost de cualidade. A proposta, ademais de contraditoria coa atitude de García Borregón e o PP con respeito á compostaxe, non deixa de ser difícil de comprender, polo que ADEGA-Compostela reclama do concelleiro que aprofunde na explicación dunha iniciativa que, de ser levada adiante, suporía un boicote de SOGAMA a sí mesma.

Compostar a materia orgánica xerada dentro dos límites municipais da capital galega suporía necesariamente mudar tanto o sistema de recollida dos RSU como as campañas de sensibilización para a separación destes resíduos, e máis se o que se pretende é obter un compost de cualidade. O sistema SOGAMA utiliza a que chaman "bolsa negra", o contentor verde, como lugar onde deitar non só a materia orgánica, senón todo aquilo que non vai nos demais contentores ou ofereza dúbidas. Pensa realmente García Borregón que do que se recolle no contentores verdes do noso Concello se pode obter compost e ademais de alta cualidade?

Se unha das falsidades/excusas lanzadas desde PP e PSOE contra a compostaxe era a do maior custe económico desta, non suporía esta planta piloto unha suba aínda maior das taxas? Se unha das intoxicacións soltadas contra o sistema de compostaxe levado adiante na planta de Lousame foi a de que alí non se procedía a unha xestión integral dos RSU, a conta de qué se propón agora un sistema que si é parcial no tratamento do lixo? Se SOGAMA cumpre de ter os seus fornos a pleno rendimento, qué lle suporía non receber a metade, ou máis, dos RSU xerados en Compostela?

PP e PSOE optaron —coa intoxicación como arma e sen diálogo social, nun proceso escuro e escasamente democrático— polo sistema ecoloxicamente insustentábel e socialmente inxusto de SOGAMA. Ames e Rois deixáronos en evidencia decidindo tratar os seus RSU através do sistema da Mancomunidade de Municipios da Serra do Barbanza. Ambas forzas políticas aínda están a tempo de rectificar, tamén no referido á impresentábel ubicación da planta de transferencia en Formarís, pero por favor, sen xogar a confundir. De faceren propostas, os nosos gobernantes deberíanse exixir a sí mesmos un pouco de seriedade.
Xosé María García Villaverde (secretario de Adega-Compostela)