Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

López Veiga constata en Bruxelas a preocupación do sector ante a negociación do fondo europeo da Pesca

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, reunise hoxe en Bruxelas co Comisario de Pesca da UE, Joe Borg. O sector da baixura de Galicia tamén participou nesta cita e ó encontro tamén acudiu o Presidente da Federación Galega de Confrarías, Evaristo Lareo.

López Veiga dixo que despois de ter recollido moitas opinións nas
últimas horas “teño que amosarme preocupado” pola negociación dos fondos
europeos. O titular de Pesca do Goberno galego manifestou que “o tema é
serio” e que “desgracidamente” non se prevén grandes cesións no grupo do
G6. Aludiu ó adianto lectoral en Alamaña coma unha razón máis para que
estes paises non se movan do 1% na financiación.

Veiga engadiu que se Rumanía e Bulgaria van ter que participar nun gasto
fixo en agricultura, “moito nos tememos que as restriccións veñan parar á
pesca”. O conselleiro lembrou tamén que cando o presidente Rodríguez
Zapatero cedeu ante Alemaña e Francia fíxo unhas concesións sen
contrapartidas, o que coloca a España nunha situación de desvantaxe e sen
socios dispostos a “apoiarnos”.

O titular de Pesca da Xunta dixo, por outra banda, amosarse satisfeito,
xa que confirmou co Comisario Borg que a filosofía de adaptación dos
fondos á baixura vai ben.

Durante o encontro, os representantes da Federación Galega de Confrarías
presentáronlle ó Comisario de Pesca da UE a súa estrutura. O presidente da
organización, Evaristo Lareo, dixo terlle solicitado ó Comisario o
mantemento dos fondos para a flota artesanal. Lareo manifestou que Borg
entende moi ben o funcionamento da baixura galega e “iso é unha vantaxe
importante para o sector”.


O Libro Verde da Política Marítima, referencia para a UE

Enrique López Veiga tamén sinalou que Joe Borg felicitou a Galicia pola
elaboración do Libro Verde da Política Marítima. Dixo ser un traballo ben
planteado e interesouse por manter un contacto permanente coa Consellería
de Pesca, xa que a Comisión está a piques de elaborar unha proposta similar
para Europa.

A UE confirma que o bioensaio é o único
método válido para a detección de toxinas

López Veiga anunciou tamén en Bruxelas a celebración dunha reunión entre
o director do Intecmar, Juan Maneiro, e responsables da SANCO (a unidade
europea competente en seguridade alimentaria).

Cómpre lembrar que Pesca xa comunicara no seu día que a técnica das “24
horas” para a detección de toxinas mediante bioensaio é o único metodo
autorizado pola UE. Neste sentido, López Veiga recordou que os reponsables
da administración comunitaria xa lle remitiran a Galicia unha carta na que
se advertía de que non utilizar este sistema “tería suposto repercusións
moi negativas para a comercialización dende Comunidade”.

Pesca insistiu hoxe na idea de que as 12 horas dan cobertura suficiente
para a detección, pero a CE non está disposta a cambiar o método de non ter
unha proposta oficial do Laboratorio de Referencia de Vigo, dependente do
Ministerio de Sanidade. Veiga pediulle ó Goberno central que recolla
inmediatamente a solicitude da Xunta para que se tramite de novo o paso ó
sistema das 12 horas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia