Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Educación inviste preto de 3.3 millóns de euros en mellorar centros da comarca de Ortegal

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten previsto investir uns 3.270.000 euros en mellorar varios centros educativos da comarca de Ortegal. Así o anunciou o titular deste departamento, Celso Currás Fernández, que esta mañá realizou unha visita aos concellos de Cariño e Ortigueira.

No primeiro deles, Currás visitou as obras de construción do novo Instituto de Educación Secundaria “Cabo de Ortegal”, ás que se destinaron uns 3 millóns de euros.

O novo centro educativo contará con tres andares. Na planta baixa situaranse a zona administrativa e os servizos comúns, ademais dunha aula taller de tecnoloxía e da biblioteca. No primeiro andar estarán as aulas específicas correspondentes á Ensinanza Secundaria Obrigatoria, a aula de plástica, a de debuxo de Bacharelato e as aulas de informática.

Na segunda planta estarán as aulas de Bacharelato polivalentes, as específicas de Ciencias da natureza e da saúde e os seminarios comúns a todas as ensinanzas. O centro tamén contará cun ximnasio que estará comunicado de forma cuberta co edificio principal no que se atopan os vestiarios.

Por outra banda, no concello de Ortigueira, Currás achegouse ao CEIP “José María Lage”, onde están previstas diversas actuacións de mellora coma a eliminación de barreiras arquitectónicas, melloras na carpintería interior, reposición de persianas, acondicionamento de patios ou a consolidación do muro exterior. Así mesmo, vanse facer reparacións nos servizos hixiénicos do centro. Todas estas obras, que se executarán en virtude dun protocolo de colaboración asinado entre o conselleiro, Celso Currás, e o alcalde de Ortigueira, Antonio Campo Fernández, conlevarán un investimento total de 270.000 euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia