Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Entrevista a Lino Pazos Pérez, escritor e investigador: Os protagonistas galegos das xestas náuticas estiveron á altura dos grandes da historia, pese a que sexan descoñecidos

Ademáis, na terceira sesión do ciclo “Polos mares de Galicia”, o membro da World Ship Society e autor de obras como Guía das ermidas illeiras nas Rías Baixas, Castelao entre nós, Ballenas y balleneros en Galicia, Naufraxios nas Rías Baixas, Guerra submarina en Fisterra, Guía de sereas de Galicia ou Guía de faros de Galicia, analizará a realidade de Galicia como un pobo históricamente volcado ao mar.
.- Quenes son os galegos protagonistas das xestas náuticas?
.- En definitiva considero como protagonistas a aqueles galegos que polos seus feitos estiveron á altura dos grandes da historia. Algúns caracterízanse polo seu carácter militar, pola súa participación en batallas navais, como Paio Gómes Charino, Alonso Jofre de Tenorio ou Mourelle. Outros como descubridores de novas terras alén do mar, como Pedro Sarmiento de Gamboa ou o aventureiro Gonzalo Álvarez de Vigo, que formou parte da expedición que descubriu o Estreito de Magallanes. Corsarios, como Bernardo Pequeno. Intrépidos como o capitán Manuel Deschamps, que burlou o bloqueo ianqui durante a guerra de Cuba, ou a vida entregada aos demais de Luis Cebreiro, heroe no tráxico naufraxio do Santa Isabel ocorrido en augas de Sálvora a comezos do ano 1921.
.- Cree que son suficientemente coñecidos, tanto os protagonistas como os feitos que protagonizaron?
.- Paréceme que descoñecemos por completo aos nosos mariños e as súas traxectorias. Por outra banda, sería interesante tamén rescatar algúns barcos do esquecemento. Existen casos fragrantes como os dos pailebotes de principios do século pasado, ou o Galatea, Roberto, Campaláns, Alfageme, máis recentes, son lagunas na Historia Marítima de Galicia, que aínda está por escribir. Desgraciado o pobo que non coñexa e recoñeza os feitos dos seus fillos.
.- Xeográficamente, en qué espazos tiveron lugar estas xestas?
.- Os galegos movéronse en todos os mares da Terra, e neste sentido pódense ver as tripulacións das carabelas de Colón, Magallanes ou Elcano, e ata da mesma Numancia que mandaba Méndez Núñez. Na conferencia mesturarei un pouco as biografías de mariños de guerra vinculados a operacións navais, viaxes cara o descoñecido, e aventuras e desventuras nas nosas propias augas. En xeral, tentarei falar dos homes que, como o caso de Luis Cebreiro ou Deschamps, dedicaron toda a súa vida ó mar, con todo o que elo comporta, integrando toda a súa complexidade.
.- Cómo se articula a existencia destes protagonistas co carácter galego?
.- Cando un mariño ten un accidente no mar, desexa atoparse cun inglés, un vasco ou un galego, pois pode estar seguro que o axudarán moito máis alá do que a situación demande. O carácter galego, curtido polos devires históricos nos que medrou, é forte e resignado á vez, condicións necesarias para todo aquel que pretenda enfrontarse ó mar, e saír ben parado.









Departamento de Cultura do Concello de Vigo