Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Medio Ambiente incorpora 24 novos vehículos motobomba para a loita contra os lumes

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, entregoulles ás delegacións provinciais do seu departamento 24 vehículos motobomba, que supuxeron un investimento global de 2.997.800 euros. Cada delegación provincial recibiu 6 vehículos para incorporar aos medios actuais de loita contra os incendios forestais.

Con esta iniciativa, a Consellería de Medio Ambiente pretende aumentar o grao de eficacia da extinción de lumes nas catro provincias galegas. No transcurso do acto, Xosé Manuel Barreiro salientou a necesidade de optimizar os recursos dispoñibles para acadar a máxima efectividade do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais. Deste xeito, os novos vehículos substituirán a outros tantos que xa non reunían as condicións óptimas para o desenvolvemento dos traballos.

Barreiro lembrou tamén que Galicia dispón do mellor servizo de loita contra incendios de España e Europa, xa que posúe os medios materiais máis avanzados e os profesionais máis preparados. Aínda así, o titular de Medio Ambiente indicou que a mellor maneira de loitar contra os lumes forestais “é evitar que se produzan”, polo que avogou por unha maior presión policial sobre este delicto e por maior concienciación social.

DATOS TÉCNICOS

Dos vehículos motobomba entregados, diferéncianse tres grupos con características diferentes. Un primeiro lote está composto por 9 vehículos que teñen unha capacidade de almacenamento de auga na cisterna de 4.000 litros e unha potencia de 220 cabalos. Dispoñen de eixo traseiro con roda de perfil dobre, están dotados de GPS, cabina con protección antivolco e sistema perimetral de defensa do vehículo.

Outras 10 motobombas teñen unha capacidade na cisterna de 3.500 litros e a súa potencia é de 168 cabalos. Cinco destes vehículos teñen eixo traseiro con roda de perfil sinxelo e outros cinco teñen roda de perfil dobre. Todos eles están dotados ademais de cabina con protección antivolco e sistema perimetral de defensa do vehículo.

Os 5 camións motobomba restantes dispoñen de 220 cabalos e de 3.000 litros de capacidade da cisterna. Contan con cabina de protección antivolco e sistema perimetral de defensa do automóbil.

FACILITAR TRABALLO

O vicepresidente segundo da Xunta referiuse, no transcurso do acto, á “importante mellora” que supón a disposición destes novos vehículos, que servirán para facilitar o traballo ao persoal de prevención e extinción de incendios forestais. Xosé Manuel Barreiro reiterou a necesidade de “manter en condicións óptimas” o parque móbil da Xunta destinado á extinción de lumes para así acadar os obxectivos previstos.

Barreiro resaltou ademais o feito de que os chasis dos 24 novos vehículos entregados hoxe foran realizados en Galicia. Segundo o titular autonómico, isto confirma que o sector da automoción galega se está convertendo en “punteiro a nivel de toda España”.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia