Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Sanidade realizou 70 estudos analíticos para verificar o contido en glute dos alimentos para celíacos

A Consellería de Sanidade ten realizado, a través do Laboratorio de Saúde Pública de Lugo, un total de 70 estudos analíticos para verificar o contido en glute dos alimentos preparados e postos no mercado para as persoas con enfermidade celíaca; todos os alimentos analizados estaban dentro dos límites permitidos. Esta actividade analítica realízase dende a sinatura do acordo entre Sanidade e a Asociación Galega de Enfermos Celíacos (ACEGA), en marzo de 2004, e no que tamén se incluía a realización de diferentes actividades de formación e actualización para profesionais sanitarios.

A enfermidade celíaca -o 27 de maio conmemórase o Día Nacional desta Enfermidade- é unha patoloxía intestinal caracterizada pola intolerancia permanente ao glute, proteína presente no trigo, a cebada, o centeo e a avea, e que se presenta en individuos xeneticamente predispostos, tanto nenos como adultos. A Asociación Galega ten censadas ao redor de 1.200 persoas con enfermidade celíaca en Galicia; e estímase que en España máis de 300.000 persoas teñen esta enfermidade.

Por outra banda, e dende a sinatura deste convenio, a Consellería de Sanidade que dirixe José Manuel González Álvarez, editou, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, e en colaboración con ACEGA, un total 2.000 exemplares do Manual da Enfermidade Celíaca. O obxecto deste documento é informar aos nenos con enfermidade celíaca e aos seus pais sobre esta patoloxía, así como ofrecer as recomendacións básicas para o seu control.

O departamento sanitario galego publicou tamén -dirixida aos profesionais sanitarios- uns 3.000 exemplares da guía Estado actual da Enfermidade Celíaca. Ámbolos dous documentos foron elaborados pola doutora Pilar Pavón Belinchón, da Unidade de Gastroenteroloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, por encargo da Dirección Xeral de Saúde Pública.
ANÁLISE DE ALIMENTOS

No que se refire ás determinacións dos niveis de glute nas mostras enviadas, estas analízanse no Laboratorio de Saúde Pública da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade en Lugo, e, posteriormente, infórmase dos resultados á Asociación. A necesidade destas análises radica nos resultados dalgúns estudos nacionais realizados mediante a análise de productos etiquetados como “sen glute”. Nestes, reflíctese que algúns deles tiñan máis de dous miligramos por cada 100 gramos de alimento, cantidade máxima recomendada para este tipo de enfermos polo Ministerio de Sanidade e Consumo e a Federación de Asociacións de Celíacos de España.

OBRADOIRO PARA PROFESIONAIS

Así mesmo, Sanidade, a través da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria Galega (FEGAS), organizou, o pasado outubro, un obradoiro dirixido aos profesionais sanitarios -persoal médico e de enfermería- que desenvolven as súas funcións en atención primaria. Neste encontro participaron profesionais expertos na abordaxe desta enfermidade e representantes da Asociación Galega; e tiña como obxectivo mellorar e actualiza-los coñecementos sobre o diagnóstico e tratamento da enfermidade celíaca.

MANUAL PARA CELÍACOS

Noutra orde de cousas, e segundo manifesta o Manual desta patoloxía editado por Sanidade, as persoas celíacas poden facer unha vida totalmente normal, tendo como precaución a de non tomar alimentos que conteñan glute. Esta proteína, en determinadas persoas, ataca a estructura normal do intestino, impedindo que os alimentos pasen ao sangue e se aproveiten correctamente. Estas alteracións coñécense co nome de malabsorción intestinal; e esta intolerancia ao glute é o que se denomina Enfermidade Celíaca.

As persoas celíacas -explica o Manual, entre outras cousas- cando non toman glute non teñen problemas, como ocorre cos lactantes que só se alimentan de leite, froita e papas de millo e arroz, que non conteñen glute. Cando o neno ten a idade adecuada introdúcese o glute na súa alimentación (pan, galletas, fariñas de cereais, etc.); e, despois dun intervalo variable -que pode ser de tres a nove meses- comezan a aparecer -segundo recolle o Manual- as seguintes síntomas: perda de apetito, diarrea, cambio de carácter, aumento da barriga, etc. Cando os pais detecten estas síntomas acudiran ao médico que, despois de facerlle as probas correspondentes, diagnosticará a enfermidade e indicará o tratamento consistente en levar, de xeito rigoroso, unha dieta sen glute.

GUÍA PARA OS PROFESIONAIS

Respecto da Guía de Saúde Pública, Estado Actual da Enfermidade Celíaca, está dirixida aos profesionais sanitarios, e ten 10 apartados que abranguen aspectos como: o concepto da enfermidade celíaca, os criterios diagnósticos, a etiopatoxenia, a epidemioloxía, as formas clínicas de presentación, o diagnóstico, o tratamento, as complicacións, o prognóstico, e facilita unha bibliografía.

Por último, destacar que tanto o Manual como a Guía fan un especial fincapé na relación do neno celíaco co colexio. Neste senso, a información é fundamental. Así, establécese que é función dos pais informar ao seu fillo o antes posible despois do diagnóstico, adaptando a información á súa idade; e todos os da casa, maiores e menores, deben coñecer a situación. A guía lembra que non se deben esconder os alimentos que conteñen glute, senón ensinarlle ao neno a dicir non a ese alimento e a preguntar sempre ante un alimento novo ou dubidoso. Débese enfrontar ao feito de que hai produtos que el non pode tomar porque o prexudican.

Recórdase, tamén, a importancia de informar aos profesores. Os pais deben alertar aos profesores do problema do seu fillo, proporcionándolles a información adecuada sobre os alimentos que o neno pode tomar, de tal xeito que se estableza unha colaboración entre ámbolos dous. Por exemplo, en situacións especiais de festas na clase, os pais poden proporcionarlles aos mestres as lambetadas, galletas, etc., que o neno celíaco pode tomar. É bo que os pais acheguen un informe do facultativo responsable do neno para que a dirección do centro estableza as instruccións oportunas tanto a profesores como aos responsables da cociña e comedor. É función dos profesores informar aos compañeiros do neno celíaco para evitar que, por descoñecemento, alguén lle poida dar algún alimento que o rapaz non poida tomar.

Por último, a guía lembra aos pacientes a importancia de entrar en contacto coas asociacións de celíacos posto que lles proporcionarán toda a axuda que necesiten, así como unha relación de alimentos sen glute permanentemente actualizada para, deste xeito, facilitar ao neno e aos seus familiares a confección dunha dieta axeitada.

Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)