Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga inaugura o primeiro complexo eólico de Galicia que dá cabida aos pequenos investidores

Manuel Fraga quixo destacar “a implicación da sociedade galega neste proxecto común” que é a aposta polas enerxías renovables, especialmente pola enerxía eólica. O titular da Xunta fixo estas declaracións tras a inauguración dos Parques eólicos da Celaia (Vilalba) e Monseivane (Abadín), salientando que estes son os primeiros proxectos deste tipo que dan cabida aos pequenos investidores no negocio eólico. No acto de inauguración tamén participaron, entre outros, o presidente do Parlamento de Galicia, Xosé María García Leira, e o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, Juan Rodríguez Yuste.

O presidente da Xunta explicou que, así, “aqueles que máis sofren as molestias derivadas da construción dos parques” convértense en partícipes dos beneficios económicos que produce a infraestrutura, traendo consigo a “identificación da cidadanía co proxecto”. Neste caso concreto, serán 16.000 os galegos que se beneficien da compra de bonos destes dous parques eólicos, por importe de 8 millóns de euros. “Trátase de que os beneficios desta actividade alcancen a todos os galegos, redundando así nesta grande aposta de Galicia”, explicou Manuel Fraga.

UNHA EVOLUCIÓN SEN PRECEDENTES

O mandatario galego presentou os parques inaugurados como proba que demostra a “sintonía” de Galicia coa conciencia medioambiental e co progreso socioeconómico e tecnolóxico, ata facer da Comunidade “referente internacional” no aproveitamento dos recursos renovables.

“Non hai dúbida de que en Galicia soubemos ver esas vantaxes, decidimos apostar polas enerxías limpas e estamos administrando este progreso axeitadamente”, sinalou, destacando que a Comunidade se puxo “en primeira liña de esforzo, con excelentes resultados”. Manuel Fraga referiuse ao “camiño de constante progreso” seguido por esta tecnoloxía desde os seus inicios, “experimentando unha evolución sen precendentes”. “Galicia estivo presente e participou nesta evolución da enerxía eólica desde os seus primeiros pasos”, indicou.
MÁIS DE 56.000 FAMILIAS

O titular do Executivo galego afirmou que as inauguracións desta mañá “supoñen un novo fito neste camiño”, explicando que terán unha potencia conxunta superior aos 70 Megavatios, o que permitirá cubrir a demanda de máis de 56.000 familias.

Manuel Fraga quixo remarcar que isto será posible grazas ao “esforzo conxunto” dos promotores, a Administración e a sociedade en xeral.

PALABRAS DE MANUEL FRAGA NA INAUGURACIÓN DOS PARQUES EÓLICOS DA CELAIA (VILALBA) E MONSEIVANE (ABADÍN)

- “É para min unha gran satisfacción acudir á inauguración destes parques eólicos que, como poucas instalacións industriais, representan a sintonía de Galicia coa conciencia medioambiental e co progreso socioeconómico e tecnolóxico, ata o punto de facer da nosa Comunidade un referente internacional no aproveitamento dos recursos renovables”.

- “Non hai dúbida de que en Galicia soubemos ver esas vantaxes, decidimos apostar polas enerxías limpas e estamos administrando este progreso axeitadamente. Nesta batalla, Galicia non optou por seguir os pasos doutros, senón que se puxo en primeira liña de esforzo, con excelentes resultados”.

- “Desde os seus inicios, esta tecnoloxía percorreu un camiño de constante progreso, experimentando unha evolución sen precedentes. Galicia estivo presente e participou nesta evolución da enerxía eólica desde os seus primeiros pasos”.

- “Pero ademais do pulo desde a Xunta e da resposta do sector privado, debo destacar a implicación da sociedade galega neste proxecto común. Xurdiu así unha fórmula innovadora, que dá cabida aos pequenos investidores no negocio eólico, de xeito que aqueles que máis sofren as molestias derivadas da construción dos parques se convertan en partícipes dos beneficios económicos que a infraestrutura produce”.

- “Adentrámonos deste xeito nun novo camiño, ata agora pouco explorado, pero que traerá a identificación da cidadanía co proxecto, pois o seu desenvolvemento positivo tamén repercutirá nun beneficio económico [...]. O Parque eólico de Monseivane é a primeira actuación deste tipo, que posibilita que 16.000 galegos se beneficien da compra de bonos deste parque, por un importe de 8 millóns de euros”.

- “En definitiva, trátase de que os beneficios desta actividade cheguen a todos os galegos, redundando así nesta grande aposta de Galicia”.

- “Estas inauguracións de hoxe supoñen un novo fito neste camiño. Os parques eólicos de Monseivane e A Celaia, que cunha potencia conxunta de máis de 70 Megavatios son suficientes para cubrir a demanda de máis de 56.000 familias galegas, son froito da participación e o esforzo conxunto de moitos: dos promotores, da Administración e da sociedade en xeral”.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia