Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Barreiro anima ao voluntariado galego a fomentar a reciclaxe

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, inaugurou en Santiago as Xornadas Recicling, unha iniciativa organizada polas consellerías de Medio Ambiente e de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado. As xornadas están dirixidas ao voluntariado galego e teñen como obxectivo implicar este colectivo no fomento da reciclaxe de residuos. Neste sentido, Barreiro animou aos voluntarios a transmitir os valores da campaña Recicling, que baixo o lema O deporte onde gañamos todos busca concienciar na conservación e mellora do medio natural a través da separación e a reciclaxe.

A campaña Recicling é unha iniciativa posta en marcha polo departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro en colaboración coa entidade sen ánimo de lucro Ecoembes. A súa finalidade é achegar a xuventude a práctica de separar e reciclar os refugallos. Trátase de concienciar aos máis novos de que realizar este hábito pode ser tan saudable como practicar un deporte, xa que axuda a sentirse ben ás persoas que o practican e a mellorar o medio natural.

DEPORTE SOLIDARIO

Así, a campaña identifica a axilidade de dobrar briks e papeis para reciclar, a paciencia de amorear pilas usadas e trasladalas ao colector e a forza de cargar con botellas de vidro ata o “iglú” como parte dun deporte, o recicling, co que se contribúe a poñer en forma ao medio ambiente. Ademais, segundo Barreiro, esta práctica deportiva comparte valores comúns co movemento do voluntariado, pois contén “unha compoñente moi alta de solidariedade social e de traballo en equipo”.

A idea da iniciativa é utilizar o potencial da mocidade como elemento de transmisión á sociedade dos valores de conservación e mellora do contorno. De feito, aínda que a campaña se centra principalmente no fomento da reciclaxe de envases, papel e cartón, promove en xeral a reciclaxe de todos os residuos sólidos urbanos que se producen diariamente en Galicia.

RECICLAXE EN GALICIA

Na actualidade o 70 por cento dos fogares galegos separa algún dos residuos para o seu posterior depósito no colector correspondente, segundo reflicte o estudo Hábitos e actitudes da poboación española fronte á separación e recollida selectiva de residuos, elaborado por Ecoembes en colaboración co instituto de investigación de mercados Millward Brown. Esta porcentaxe sitúa a Galicia por riba da media nacional na separación dalgún tipo de refugallo do lixo normal, xa que no conxunto de fogares españois só o 69 por cento ten este hábito.

Esta elevada implicación da sociedade galega permitiu que as cifras da reciclaxe en Galicia experimentaran un progresivo aumento nos últimos cinco anos. Así, por exemplo, no 2004 recuperáronse 113.818 toneladas de envaxes lixeiros, fronte aos 103.850 do ano anterior. Ademais, a porcentaxe destes envases (de plástico, papel cartón, briks e latas) reciclados na nosa Comunidade foi do 48,9 por cento no 2004, superando a media acadada no conxunto de España, que se situou no 47,2 por cento.

Tamén se incrementou a recollida de vidro, que se pasou de 26.764.770 quilogramos en 2003 a 30.060.260 en 2004. Ademais, nos catro primeiros meses deste ano superáronse xa en máis de 200.000 quilogramos as cantidades obtidas no mesmo período do 2004, o que indica a continuidade da progresión ascendente do último lustro.

Polo que respecta ao papel e cartón, o pasado ano recolléronse un total de 107.900 quilogramos, fronte aos 88.150 quilogramos recollidos no 2003.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia