Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática organiza o Congreso: A represión franquista en Galicia

Presentación
Dende a restauración democrática na segunda metade da década dos setenta, mantense pendente a débeda moral coas xeneracións que sofriron a represión durante catro décadas, despois do levantamento militar de xulio de 1936. As institucións académicas, e principalmente as universidades galegas, mantiveronse case que ao marxe da cuestión, deixando á nosa cidadanía orfa dunha dramática parte da súa historia; só os traballos dalgúns investigadores afondaron en parte dese pasado. Semella, asemade, que a
transición quixo pechar as feridas dos corenta anos de dictadura privilexiando os
sentimentos dos verdugos máis do que os das víctimas, botando unha lousa de silencio
sobre a barbarie do franquismo e sobre quen a sufriu. Agora que o ciclo biolóxico dos
protagonistas daqueles primeiros tempos da dictadura vaise pechando non hai xa excusa
ningunha para manter o silencio.
Case que trinta anos despois da morte de Franco, metidos xa nun novo século, cumpre dar un paso adiante na recuperación da nosa memoria histórica: do que foi aquel réxime xurdido do golpe militar e das consecuencias que tivo para a nosa terra. É preciso que as novas xeracións coñezan un anaco do noso pasado que nos foi roubado. A mediados do ano 2002 xurdiu a A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, unha asociación que quere lembrar e reivindicar a memoria de todas aquelas persoas que sofriron a morte, represión e cárcere na dictadura franquista. Dende unha perspectiva ideolóxica plural, abordamos esta tarefa como un imperativo moral diante dos homes e mulleres represaliados, pois é aos historiadores a quen corresponde a responsabilidade social de por os seus coñecementos e métodos ao servicio da recuperación do pasado. Ademáis doutras iniciativas, como a presentación de mocións de recoñecemento dos represaliados e represaliadas nos concellos da comarca, a Asociación Cultural Memoria
Histórica Democrática da agora dar un paso adiante coa organización do Congreso da
Memoria A represión franquista en Galicia. É o noso desexo que este Congreso constitúa
un foro plural e participativo no que as persoas e institucións interesadas na recuperación
da memoria histórica poidan aportar novos datos e investigacións sobre o tema, sempre
inconcluso. Ademáis este Congreso servirá para rendir unha cumprida homenaxe aos
represaliados e represaliadas na dictadura.
O Congreso está patrocinado polo Concello de Narón, e será no seu Auditorio (na praza de Galicia), onde se celebrarán as sesións do Congreso. Ademáis do patrocinio do Concello de Narón, estanse mantendo contactos con outros concellos, partidos políticos, sindicatos e asociacións de todo tipo que poidan estar interesados en colaborar, económica ou organizativamente. Polo momento mantiveronse conversas cos alcaldes de Cariño, Fene, Mugardos e Neda, e estase agardando a manter reunións co alcalde de Ferrol e os doutros concellos da bisbarra. Por outra banda, diversas asociacións de toda Galicia, e mois especialmente aquelas dedicadas á recuperación da memoria histórica están colaborando con nós nas tarefas organizativas: éstas son, polo momento, o Ateneo Republicano, a Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (Galicia), a Fundación 10 de marzo e a Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis.
Inauguración
A inauguración do Congreso vaise levar adiante na tarde do xoves, 4 de decembro de 2003, cun acto no Auditorio de Narón no que van participar o alcalde do Concello de Narón e o presidente da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática como patrocinador e organizador do Congreso.
Estase traballando para que participen neste acto inaugural o artista e empresario Isaac Díaz Pardo e o escritor Manuel Rivas, como representantes da cultura galega que teñen amosado a súa preocupación pola recuperación do noso pasado máis recente. Ademáis tentamos contar tamén co presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces, para lembrar aos milleiros de homes e mulleres de Asturias que sofriron prisión en Galicia nos anos da guerra. Finalmente, e se a súa saúde llo permite, agardamos contar co hispanista británico Paul Preston, que realizará unha conferencia inaugural sobre o marco histórico no que aconteceron aqueles feitos.
Xornadas científicas e de debate
A base do Congreso van ser as xornadas científicas que se van celebrar o venres 5 e o sábado 6 de decembro no Auditorio de Narón e, se fora necesario, na Casa da Cultura de Narón. En sesións de mañán e tarde, historiadores de toda Galicia e algúns de fora (como o asturiano Marcelino Laruelo ou o alemán Hartmut Heine) irán expoñendo os seus traballos de investigación sobre a represión en Galicia. A presentación dos traballos irá seguida de pequenos coloquios nos que os espectadores poderán facer preguntas aos investigadores ou mesmo aportar as súas opinións ou experiencias. Entre os ponentes están confirmados xa profesores universitarios das tres universidades galegas, profesores de ensino secundario, historiadores que teñen realizados xa importantes traballos sobre o tema, e tamén algunha xente nova que da os seus primeiros pasos na investigación histórica. Entre eles cumpre destacar a figura do profesor alemán Hartmut Heine, autor de obras imprescindibles como A guerrilla antifranquista en Galicia ou La oposición política al franquismo.
A primeira sesión, na mañán do venres 5 de decembro, estará dedicada a estudiar a mecánica represiva: o fin e o método da represión, e a súa expresión concreta na nosa terra. Para esta área de investigación están xa confirmados os historiadores Hartmut Heine, Enrique Barrera e Emilio Grandío Seoane. Tamén intervirán Víctor Santidrián, que falará sobre o campo de concentración de Labacolla, Luis Lamela, cun traballo sobre as irregularidades nos consellos de guerra.
A segunda sesión, na tarde do venres 5 de decembro, dedicarase a pescudar cómo afectou a represión aos distintos grupos de persoas, en función da súa militancia política ou sindical, da súa profesión, do seu orixe rural ou urbano e tamén do seu sexo. Nestas sesións Dionisio Pereira e Eliseo Fernández expoñerán as peculiaridades da represión que sufriron os afiliados á CNT, mentres Marcelino Laruelo vai dedicar a súa exposición á
represión sobre as mulleres no penal vasco de Santurrarán, no que moitas galegas
cumpriron condena. Por outra banda, Miguel Cabo Villaverde vaise referir á represión
contra o movemento agrarista. Para rematar, David Simón Lorda e Andrés Santalla López
expoñerán as peculiaridades da represión contra dous profesións de certa relevancia social, como son os médicos e os mestres, mentres que Xoan Carlos Garrido vainos achegar á historia dun personaxe do galeguismo (Ken Keirades) e á influencia que a represión exerceu na súa vida nos anos da longa noite de pedra.
Para a terceira sesión, o sábado 6 de decembro pola mañán, reservanse aqueles traballos que vaian pescudar na incidencia da represión en áreas xeográficas determinadas, axudándonos a comprender as particularidades de cada zona e as diferencias entre os ambentes rurais e urbanos, agrarios, industriais ou pesqueiros. Para elo contamos coa presencia de José María Lombardero (Ribadeo), Carlos Nuevo (Viveiro), Carlos Pereira (Culleredo), María Xesús Souto (Lugo), Andrés Nores e Iago Santos (Cangas), Xulio Prada (Ourense), Manuel Igrexas (Terras do Deza), Ángel Rodríguez Gallardo (Norte de Portugal) e Dionisio Pereira (Cerdedo).
A derradeira xornada de presentación de traballos de investigación será na tarde do
sábado 6 de decembro. Nesta sesión vaise tratar do estado da investigación referente á
represión en Galicia. E faremolo tanto dende o ponto de vista das fontes para o estudio da
represión, como das propias implicacións sociais do traballo de recuperación da memoria
histórica. Isaura Varela vai facer a presentación do fondo de historia oral Historga da
Universidade de Compostela, mentres Eliseo Fernández analizará a importancia das
causas xudiciais no estudio da represión. Esta xornada incluirá tamén unha mesa redonda
na que diferentes asociacións dedicadas á recuperación da memoria histórica aportarán as
súas experiencias e debaterán sobre os seus obxectivos e dificultades.
Homenaxe aos represaliados e represaliadas
Tendo en conta que o Congreso non vai estudiar seres inanimados, senón persoas de carne e oso, faremos un especial esforzo por contar en todalas sesións do Congreso con protagonistas daqueles feitos: persoas que sofriron a represión ou familiares seus, que poidan aportar as súas vivencias e enriquecer a memoria común.
Ao longo dos días vanse celebrar homenaxes en diversos concellos da bisbarra e
posiblemente noutros de Galicia, e, para rematar, o domingo 7 de decembro vaise celebrar
un gran acto de homenaxe na igrexa do Val (Narón). En lembranza das 38 persoas
executadas (a maioría deles mariñeiros do acorazado España, ainda que tamén algúns
veciños da zona) no adro da igrexa do Val, inaugurarase un monumento cunha placa
conmemorativa.
Actos paralelos
Ademáis dos actos de homenaxe e de presentación de traballos de investigación, haberá unha serie de actos lúdicos e exposicións que terán lugar tanto no propio Auditorio de Narón, como noutros concellos da bisbarra. Ainda que temos confirmado un recital de poesía e a presentación de dúas exposicións (sobre Roberto Blanco Torres unha, sobre fotografías de monumentos dedicados á memoria histórica, a outra), a maioría destes actos están ainda, a día de hoxe, en preparación.
Participación cidadá
Desexamos que este Congreso da Memoria A represión franquista en Galicia, sexa unha homenaxe viva a todalas persoas que sufriron persecución de calquer tipo nos anos do franquismo. A participación de todos e todas é importante para levar adiante esta merecidísima homenaxe, e por elo todalas sesións do Congreso, e os actos que se celebren paralelamente, son abertos a todo o público, sen coste algún.
Ao tempo estanse mantendose contactos de todo tipo (persoal, por correo, telefóno e
correo electrónico), con entidades culturais, partidos políticos, sindicatos e concellos, con
vistas a obter a súa colaboración e adhesión ao Congreso da Memoria.
Aos poucos, a lista de entidades colaboradoras e adherentes vai crecendo, e agardamos que cando sexa editada a publicidade do Congreso (a finais de outubro), haxa unha representación importante e plural de todo o tecido asociativo de Galicia e das súas institucións. Contemplamos tamén a posibilidade de que persoas de calquera condición poidan amosar
a súa adhesión ao Congreso, poñendose en contacto coa Asociación a través do noso
correo electrónico ou no noso enderezo postal. Estas adhesións faranse públicas na nosa
páxina web e, posteriormente, nos días do Congreso, por outros medios.
Por vez primeira en Galicia, un Congreso analizará a represión nos anos do franquismo. A importancia do Congreso ven dada porque ainda está por facer unha visión de conxunto
do que significou para Galicia o golpe militar de xulio de 1936 e as consecuencias que tivo
para os galegos e galegas daqueles tempos, moi especialmente para os que se amosaron
contrarios ao novo réxime xurdido do levantamento militar.
Mentres que recentemente levaronse adiante nada máis e nada menos que dous congresos dedicados ao estudio do exilio galego, a investigación sobre os anos da guerra e o franquismo quedaron fora da atención das institucións académicas e culturais. Por moito tempo, os voluntarismo de persoas inquedas pola lembranza da historia daqueles anos, supliu a actividade que deberían realizar outras institucións. Agora, o Congreso da Memoria quere normalizar a situación da investigación histórica daqueles anos, para que a lembranza da nosa historia poida compartirse libremente, sen censuras ou autocensuras, para que a sombra da represión daqueles anos desapareza, permitindo coñecer aquela historia que até o día de hoxe foi sistemáticamente manipulada e ocultada.


















Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática