Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pesca adicará máis de 1,2 millóns de euros a mellorar as infraestructuras do Porto de Marín

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, e o patrón maior de Marín, José Luis Santiago Pereira, asinaron o Plan de Porto de Marín. Este protocolo organiza os investimentos da Xunta Galicia para potenciar o sector pesqueiro de baixura
nesta zona nos próximos anos. O orzamento inicial estimado é superior ós
1,2 millóns de euros. A través desta iniciativa, Pesca dotará o pósito de
dúas máquinas clasificadoras de peixe, informatizará a lonxa e financiará a
construcción dunha pequena planta para procesar as capturas da flota
artesanal, entre outras iniciativas.

O fin primordial do Plan de Porto é mellorar os servicios e equipamentos
do peirao, especialmente no eido do procesado do peixe. Búscase así
aumentar os ingresos do pósito e dos mariñeiros e, asemade, facilitar o seu
traballo. Cómpre destacar que este documento é froito da colaboración
entre técnicos de Pesca e da Confraría para organizar os investimentos
públicos en función das necesidades reais comunicadas polo sector.

López Veiga e José Luis Santiago Pereira abordaron esta tarde as
principais inversións a realizar. Entre elas destaca a instalación de dúas
clasificadoras de peixe, que contan cun orzamento inicial de 360.000 euros.
As máquinas clasificarán os peixes planos en dez tallas diferentes e
transportaranos a través de cintas para o seu procesamento. Deste xeito, os
pescadores de Marín poderán obter máis beneficios coa subhasta do peixe
clasificado por tallas.

Fin das subhastas a viva voz

Máis de 263.000 euros é a inversión estimada para a instalación dun
sistema automático de venta. A informatización das subhastas realizarase
mediante a dotación de 300 mandos inalámbricos que empregarán os poxadores.
A evolución da subhasta seguirase a través dun panel e o resultado final
será impreso automaticamente. Esta tecnoloxía supón un salto cualitativo
frente o sistema tradicional de poxa a viva voz, pois permite axilizar o
proceso e automatizar os datos, co que se da o primeiro paso cara ó
comercio electrónico.

Por outra banda, o Plan comtempla a construción dunha planta procesadora
de productos da flota artesanal. Está prevista que se constrúa na zona dos
departamentos para exportadores e conta cunha estimación orzamentaria
inicial de 400.000 euros. A Confraría logrará así entrar no proceso de
comercialización de elaborados, o que lle permitirá obter máis valor
engadido do peixe da flota de baixura.

Refrixeración e básculas para a comercialización

O equipamento para comercializar o peixe será completado coa instalación
dunha máquina de xeo líquido (presuposto estimado 84.000 €), unha cámara de
frío con dous depósitos (25.000€), dúas básculas electrónicas con
etiquetadoras (9.400 €) e 1.000 caixas de plástico para depositar as
capturas dos máis de 100 barcos da flota local.

Co fin de facilitar o traballo dos mariñeiros e armadores, Pesca
instalará unha grúa para a barada de embarcacións. A grúa será capaz de
varar barcos de ata 10 toneladas, polo que as embarcacións de baixura xa
non terán que desplazarse a outros portos para o seu mantemento. Ademais, o
Plan prevé a compra dunha carretilla elevadora para transportar cargas polo
peirao e diverso equipo informático.

Por último, o protocolo rubricado hoxe recolle o proxecto do pósito de
por en marcha un plan de formación para divulgar o mundo da pesca entre os
centros de formación locais. 36.000 euros é a estimación para este
programa, que busca revalorizar, a través da formación, ó traballo dos
mariñeiros entre a comunidade local de Marín.

Traballo conxunto entre administración e sector

A Consellería de Pesca apostou pola elaboración en colaboración con cada
confraría de plans de portos específicos para así adaptar os investimentos
públicos as demandas propias que provoca a modernización da pesca de
baixura e o marisqueo en cada zona de costa. A Xunta de Galicia trata así
de respostar coa máxima eficacia a necesidade de mellorar a competitividade
destes sectores productivos.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia