Barreiro convida aos lucenses ao uso de bicicletas para lograr unha cidade máis verde e sostible

Lugo Xira polo Medio Ambiente quere fomentar o uso urbano dun transporte non contaminante como son as bicicletas. A través desta iniciativa, a Consellería de Medio Ambiente incorpora a cidade de Lugo aos actos de conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, que ten lugar o vindeiro 5 de xuño, e que este ano se celebra baixo o lema “Cidades verdes, cidades sostibles”. Xosé Manuel Barreiro salientou que este programa debe servir para que os lucenses aposten pola sostibilidade a partir de simples xestos da vida cotián, como o desprazamento.
PROGRAMA
Lugo Xira polo Medio Ambiente ofrece a posibilidade de empregar unha bicicleta durante todo o día aos lucenses e visitantes que o desexen. As persoas interesadas só teñen que inscribirse no programa en algún dos sete centros de préstamo distribuídos por toda a cidade. Estas casetas sitúanse na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, o Museo Provincial de Lugo, o IES Lucus Augusti, o Colexio EIP Paradai, o Colexio EIP Sagrado Corazón, IES A Piringalla, e por último, o IES Leiras Pulpeiro. As casetas están abertas ininterrompidamente de 10 da mañá ata as nove da noite e durante todos os días da semana.
Os interesados deberán cumprimentar unha folla de inscrición cos seus datos persoais, así como un compromiso de devolución e adhesión ás normas de uso responsable e comportamento cívico. Os usuarios deberán ser adultos maiores de 18 anos. Unha vez cuberta a inscrición, cada usuario recibirá a súa bicicleta, xunto cun casco, un chuvasqueiro, unha mochila, unha camiseta e un cadeado antirroubo para a bici. O empréstito é totalmente gratuíto e será válido para unha xornada completa.
A Consellería de Medio Ambiente pon en marcha esta iniciativa en Lugo como unha experiencia piloto en Galicia para comprobar o seu grao de aceptación entre a cidadanía e para fomentar o uso de transportes urbanos non contaminantes. Segundo Medio Ambiente, se a experiencia ten boa acollida en Lugo está previsto que poida desenvolvese noutras cidades galegas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia