Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As obras de construcción do novo hospital de Lugo avanzan a bo ritmo

As obras de construción do novo hospital de Lugo avanzan a bo ritmo. Os operarios e técnicos da empresa construtora xa remataron a estrutura dos cinco bloques que conforman o futuro hospital que o Servizo Galego de Saúde está a construír na cidade de Lugo. Nestes momentos, os operarios xa comezaron a traballar nas divisións e instalacións interiores.

O conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, acompañado do vicepresidente segundo do Goberno galego, José Manuel Barreiro Fernández, de responsables da empresa construtora e doutros membros do seu departamento, visitaron a parcela de San Cibrao, para comprobar in situ o estado no que se atopan os traballos de construción do novo hospital que o Sergas está a levantar en Lugo e do que González Álvarez dixo “será un dos mellores hospitais de España”.

A Unión Temporal de Empresas San José-ACS é a encargada de construír o novo hospital de Lugo, para o que o Sergas destinou un orzamento de máis de 120 millóns de euros. Esta cantidade corresponde, exclusivamente, á obra civil, xa que logo hai que engadir o investimento que se realizará en equipamento e dotación tecnolóxica do novo complexo hospitalario.

A empresa construtora xa rematou a estrutura dos módulos e bloques que compoñen o novo hospital. Os traballos tamén incluíron a realización de gran parte do saneamento. Tras rematar a estrutura dos edificios que formarán o complexo hospitalario lucense, os operarios comezaron a realizar parte dos traballos de albañilería, fachadas, cubertas, fontanería, electricidade, climatización e o inicio da urbanización.
O novo hospital sitúase na zona de San Cibrao, nunha parcela de 166.000 metros cadrados, oito veces superior á superficie na que se asenta o actual hospital (21.000 metros cadrados), e multiplicará por catro a superficie construída, pasando dos 33.947 metros cadrados do actual hospital aos 127.608 do novo.

CINCO EDIFICIOS

O futuro hospital constará de cinco edificios con usos específicos claramente definidos: un industrial, un administrativo, un de hospitalización, un de consultas e un técnico. Este último bloque ten características diferentes aos anteriores xa que nel se instalarán a maioría dos equipos de alta tecnoloxía médica cos que será dotado o hospital, así como a área cirúrxica. A estrutura dos cinco bloques xa está finalizada.

O bloque de hospitalización contará con 19 unidades de hospitalización convencional con 32 camas cada unha (608 camas). En cada unha destas 19 unidades haberá dez habitacións individuais (o 32% das habitacións convencionais serán individuais). As habitacións de obstetricia e pediatría (67 camas) serán todas de uso individual. Tamén acollerá 32 camas de hospitalización de psiquiatría e 10 de custodia penitenciaria. No que atinxe ás 106 camas de hospitalización especial, distribúense en 32 camas de Espertar-Reanimación, 38 de UCI-Coronarias e 36 de observación de urxencias. En total, o hospital disporá de 832 camas.

BLOQUE CIRÚRXICO

Emprazado no edificio técnico, ocupará unha superficie de máis de 4.400 metros cadrados, nos que se instalarán un total de 18 quirófanos (catro deles de cirurxía maior ambulatoria, dous de urxencias e 12 de cirurxía programada), que contarán cos máis avanzados sistemas de climatización, así como con iluminación natural.

A área de Espertar-Reanimación, tamén incluída no edificio técnico, estase a edificar nunha zona próxima ás unidades de hospitalización, bloque cirúrxico e Unidade de Coidados Intensivos. Terá unha superficie de preto de 1.400 metros cadrados, 32 postos de recuperación post-cirúrxica e 6 sillóns prealta (ambulatorio). É importante destacar o aumento de camas de espertar/reanimación, que se incrementan nun 400%, ao pasar de 8 a 32, así como as destinadas a pacientes críticos, que pasan de 24 a 38, o que supón un aumento do 58%.

O bloque obstétrico sitúase no nivel das Urxencias e da Unidade de Hospitalización de Pediatría e Obstetricia. A súa posición central no edificio técnico facilita o acceso das nais e dos familiares ao mesmo. Os tres módulos que o compoñen dedícanse a dilatación, partos e neonatoloxía. Este bloque disporá dunha superficie de preto de 900 metros cadrados nos que se disporá de 3 salas de partos e 6 postos de dilatación.

HOSPITAL PUNTEIRO EN ONCOLOXÍA

O novo hospital de Lugo incorporará os máis avanzados medios diagnósticos e terapéuticos. Entre outras cousas, o novo hospital contará cunha unidade punteira de oncoloxía, que permitirá potenciar a actual unidade de oncoloxía médica, con toda a oncoloxía radioterápica e a área diagnóstica de medicina nuclear. Isto posibilitará a abordaxe integral de toda a patoloxía oncolóxica no propio hospital de Lugo, sen necesidade de que os pacientes teñan que desprazarse fóra da cidade ou da provincia.

Os novos Servizos de Medicina Nuclear e de Radioterapia cos que contará o complexo que está a construír o Sergas disporán de varias consultas, dúas gammacámaras e un quirófano especial de radioterapia, densiometría e braquiterapia, un simulador e dous búnkeres aceleradores lineais. No que atinxe ao diagnóstico por imaxe, o novo hospital lucense terá 26 salas de diagnóstico por imaxe, que albergarán radioloxía convencional, telemandos dixitais, ecógrafos, eco-doppler, ortopantógrafos, TACs, Resonancia Magnética Nuclear, anxiografía dixital, entre outros equipos de alta tecnoloxía.

O novo hospital contará con 31 postos de diálise (un 62% máis dos que hai actualmente). Deles, 6 serán postos de diálise para pacientes agudos, 20 para pacientes crónicos, 3 para pacientes illados e 2 para diálise peritoneal. Así mesmo, terá varios laboratorios (de urxencias, de análises clínicas, de microbioloxía, de hematoloxía, de anatomía patolóxica e depósito de sangue).

O complexo tamén acollerá varios hospitais de día, que implicarán un importante incremento de postos, ao pasar dos 43 actuais a 80 que terá o novo centro. Así, haberá un hospital de día polivalente, un hospital de día oncohematolóxico, un hospital de día oncohematolóxico pediátrico, un de medicina interna, un de xeriatría e un hospital de día psiquiátrico.

O centro incorporará, ademais, os últimos adiantos en comunicacións, para facer chegar a información clínica coa máxima rapidez. Disporá de sistema de xeración e transmisión de imaxe e datos, de sistema centralizado de xestión de instalacións, accesos e pechamentos (edificio intelixente). Tamén inclúe sistema de esterilización de lixos en puntos de orixe, central de refrixeración... entre outros avances, como a incorporación de carros-robot para transporte interno de comida, roupa branca, material de almacén e fármacos.

CERTIFICACIÓN DE CALIDADE PARA A COCIÑA DO XERAL

Logo de visitar as obras do novo hospital de Lugo o conselleiro de Sanidade dirixiuse ao C.H. Xeral Calde, onde, no seu salón de actos, recibiu, de mans do director da Delegación de AENOR para Galicia, Martín Pita López, o certificado ISO 9001:2000, que a Entidade Española de Normalización e Certificación (AENOR) concedeu ao Servizo de Cociña do Hospital Xeral de Lugo. Coa concesión desta certificación AENOR recoñece a alta calidade do servizo e a conformidade do seu sistema coa norma UNE-EN-ISO 9001:2000. O centro hospitalario lucense é o primeiro de Galicia en contar con acreditación de calidade neste servizo.

O conselleiro de Sanidade felicitou a todo o persoal do Servizo de Cociña do Hospital Xeral de Lugo pola súa implicación para a concesión desta certificación. González Álvarez salientou que os traballadores deste servizo son os verdadeiros artífices deste recoñecemento que, na súa opinión, é un exemplo a seguir por outros servizos e unidades que nestes momentos se atopan en proceso de certificación, como o Servizo de Subministros, o Servizo de Esterilización ou a Unidade de Psiquiatría de Agudos do Complexo Xeral-Calde.

O responsable sanitario da Xunta de Galicia tamén destacou que a concesión de certificacións de calidade a distintos servizos hospitalarios forma parte dun obxectivo global de desenvolvemento dun modelo de calidade en todos os centros sanitarios da rede do Servizo Galego de Saúde.

José Manuel González Álvarez agradeceu o empeño e dedicación de todo o persoal do Servizo de Cociña do Hospital Xeral pola súa labor na procura dunha mellora continua na prestación de servizos e a aposta da totalidade do persoal desta área pola calidade, implantando sistemas de xestión, planificación e obxectivos na súa organización que aumentan a súa eficiencia.

MELLORA DA CALIDADE

Para a concesión desta certificación, o Servizo de Cociña do Hospital Xeral estableceu unha política de organización, planificación e obxectivos, na que se recollen os compromisos asumidos en materia de calidade e que teñen por obxectivo incrementar a satisfacción do paciente e de todas as partes interesadas. Esta política empezouse a cimentar no ano 1999, co protocolización de todas as tarefas, mediante a implantación de manuais de procedemento, fichas técnicas de produtos e fichas técnicas para a súa elaboración, ampliación da variedade na elección de menús, axuste de horarios, implantación do menú infantil, informatización de toda a xestión de menús...

As directrices xerais desta política de calidade establecen entre os compromisos adoptados os seguintes:Cumprimento da lexislación e normativa do sector e, especialmente, aquela relacionada coa análise de perigos e puntos de control críticos; Lograr a plena satisfacción dos pacientes e das unidades de enfermaría, proporcionándolles servizos acordes cos seus requisitos, necesidades e expectativas; establecemento dunha sistemática documentada para asegurar a calidade; e, ademais, Implantación da mellora continua como norma de conduta.

En xeral, os obxectivos plantexados polo Servizo de Cociña do Xeral-Calde, no que traballan máis de 90 persoas, oriéntanse a garantir o correcto funcionamento do servizo e a mellorar a calidade e a satisfacción dos pacientes, entre outros, establecendo para elo un sistema de xestión para adaptarse aos requisitos da norma ISO, tendo como metas os obxectivos antes descritos e garantindo a mellora continua para dar un mellor servizo a todos os usuarios.

A consecución deste certificado é, pois, un importante recoñecemento ao esforzo de todo o persoal do servizo, que contan cun alto grao de formación e implicación nos procesos de mellora continua, que se plasma na alta capacidade de resposta a calquera innovación que xere un mellor servizo ou atención ao paciente. Ademais, contaron coa estreita colaboración dos restantes servizos hospitalarios e co apoio da dirección-xerencia, da dirección de xestión e do Sergas, que aportaron os medios e recursos necesarios para a implantación deste sistema de calidade.

Unha vez transformado o seu sistema de organización, xestión e actuación, en base aos protocolos deseñados previamente, o Servizo de Cociña do Xeral-Calde decide iniciar o proceso de certificación no ano 2004. Tras pasar por distintas auditorías tendentes a confirmar a calidade do seu labor, a adaptación das súas actividades e procedementos á norma, a planificación estratéxica dos obxectivos e recursos, a revisión e planificación do sistema de calidade e os resultados obtidos, AENOR recoñeceu o seu esforzo, dedicación e obxectivos acadados coa concesión do certificado de empresa e o dereito de uso da marca, que evidencia a conformidade do sistema de calidade coa norma UNE-EN ISO 9001:2000

850.000 MENÚS ANUAIS

O Servizo de Cociña do Complexo Xeral-Calde experimentou nos últimos anos un importantísimo proceso de tecnificación e cualificación profesional destinado a conseguir unha maior calidade e a ofertar ao paciente un servizo rápido e eficaz.

O ano pasado preparáronse neste servizo do complexo hospitalario lucense preto de 850.000 menús, entre almorzos, xantar, merenda e cea. Destes, unha parte deles eran comidas normais e outra dietas especiais (aproximadamente un 30% son dietas especiais, é dicir, adaptadas a cada paciente e a súa enfermidade e tendo en conta a prescrición facultativa).

INAUGURACIÓN SIMPOSIO ENXEÑERÍA TISULAR

Para rematar a súa visita á cidade de Lugo o conselleiro de Sanidade dirixiuse á Facultade de Veterinaria, onde clausurou o I Simposio Internacional de Enxeñería Tisular. Neste encontro científico o titular sanitario destacou, en relación á nosa Comunidade Autónoma, o primeiro implante practicado en España de células de cartílago, en novembro de 2001, realizado polo equipo de investigación do C.H. Universitario Juan Canalejo. González Álvarez subliñou, igualmente, os avances e prometedoras liñas de investigación levados a cabo no Instituto de Ortopedia e Banco de Tecidos Musculo-Esqueléticos da Universidade de Santiago.

O titular da carteira sanitaria do Goberno galego dixo que non se pode descoidar o enfoque integral da investigación biomédica actual, poñendo especial énfase na investigación traslacional, que posibilita e facilita o obxectivo último que é a mellora da calidade asistencial e o benestar social.



Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)