Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O emprego no sector pesqueiro medrou en Galicia entre 1996 e 2002 mentres que en España descendeu en 12.000 persoas

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, cualificou como “falacia” afirmar que o emprego no sector pesqueiro estea descendendo. “En 1996 –salientou- había 33.800 postos de traballos directos en Galicia no sector pesqueiro, e en 2002 a cifra era superior aos 34.000”. “Polo contrario, o emprego na Pesca no conxunto de España descendeu no mesmo período, de 63.000 postos de traballo no 96 a 51.000 no 2002. Esta é a realidade das cifras”, afirmou Manuel Fraga.

Segundo apuntou o mandatario galego na inauguración da nova planta da empresa Monte Kalamua, S.A., en Ribadavia (Ourense), os datos recollidos polo Institutos Nacional e Galego de Estatística, INE e IGE, respectivamente, demostran que o emprego na pesca na Comunidade galega se mantén estable mentres descende no resto de España. No sector da industria conxeladora e frigorista, os empregos aumentaron tamén desde 2.995 no ano 1999 a máis de 3.400 en 2002. Ademais, “no ano 2003 o volume de ventas (nos sectores conserveiro e frigorista) foi superior aos 2.600 millóns de euros, o que supuxo un crecemento do 37% respecto a 1999, e xeráronse preto de 11.000 postos de traballo directo, un 14% máis que en 1999”.

Neste sentido, Manuel Fraga salientou que o Goberno galego foi sempre “plenamente consciente” da importancia estratéxica deste sector como creador de emprego especializado e de calidade. Así, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participou neste proxecto achegando 2.100.528 euros, que foron a parar aos 6.640 metros cadrados dos que dispoñen as instalacións inauguradas hoxe e que crearán 55 novos postos de traballo.

MODERNIZAR A PESCA

“Estamos, polo tanto, -salientou o presidente da Xunta- ante unha aposta máis do Goberno galego polo desenvolvemento da economía e a industria pesqueira”. Trátase dunha iniciativa que se suma a outras que vén desenvolvendo o Executivo autonómico como o “demostran os 268 millóns de euros que se concederon entre os anos 2000 e 2004 para crear e modernizar estas industrias”.

Para Manuel Fraga, foi “moito” o esforzo que se fixo no sector pesqueiro, “pero aínda queda moito por facer, por iso desde a Xunta comprometémonos a seguir traballando para impulsar todas aqueles investimentos que favorezan a localización e a expansión deste sector”.

CONSOLIDACIÓN INDUSTRIAL

“Galicia –dixo- consolidou un enramado industrial no que o complexo mar-industria ostenta unha relevancia cada vez maior e un indiscutible liderado europeo, grazas á sinerxía dunha serie de actividades que teñen como denominador común os produtos procedentes do mar”.

Con este proxecto, que supuxo un investimento de case 6 millóns de euros, Monte Kalamua, S.A. contribúe ao crecemento da industria frigorista e de transformación en Galicia. Ademais, segundo apuntou o mandatario galego, constitúe un bo exemplo da transcendencia económica que o sector pesqueiro ten nas zonas do interior da Comunidade galega, xerando postos de emprego e aumentando considerablemente o volume de negocio. “A implantación de Monte Kalamua en Ribadavia é unha mostra máis da expansión da industrialización pesqueira, que non só beneficia ao litoral galego senón a toda a nosa xeografía”, asegurou.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DA PLANTA DA EMPRESA MONTE KALAMUA, S.A.

- “Galicia consolidou un enramado industrial no que o complexo mar-industria ostenta unha relevancia cada vez maior e un indiscutible liderado europeo, grazas á sinerxía dunha serie de actividades que teñen como denominador común os produtos procedentes do mar”.

- “Con este proxecto, Monte Kalamua, S.A. contribúe ao crecemento da industria frigorista e de transformación en Galicia. Constitúe, asemade, un bo exemplo da transcendencia económica que o sector pesqueiro ten nas zonas do interior da nosa Comunidade, xerando postos de emprego e aumentando considerablemente o volume de negocio. A implantación de Monte Kalamua en Ribadavia é unha mostra máis da expansión da industrialización pesqueira, que non só beneficia ao litoral galego senón a toda a nosa xeografía”.

- “É pois unha falacia, que o emprego no sector pesqueiro estea descendendo. Os datos do Instituto Galego de Estatística e do Instituto Nacional de Estatística demostran que o emprego na pesca na nosa Comunidade se mantén estable mentres descende no resto de España. En 1996 había 33.800 postos de traballos directos en Galicia no sector pesqueiro, e en 2002 a cifra era superior aos 34.000. Polo contrario, o emprego na Pesca no conxunto de España descendeu no mesmo período, de 63.000 postos de traballo no 96 a 51.000 no 2002. Esta é a realidade das cifras”.

- “Os empregos neste sector (da industria conxeladora e frigorista) aumentaron desde 2.995 no ano 99 a máis de 3.400 no 2002”.

- “Desde a Xunta de Galicia fomos sempre plenamente conscientes da importancia estratéxica deste sector como creador de emprego especializado e de calidade. (...) De feito, a Consellería de Pesca investiu máis de 2 millóns de euros para impulsar esta planta de 6.640 metros cadrados, na que se crearán inicialmente 55 novos postos de traballo”.

- “Estamos, polo tanto, ante unha aposta máis do Goberno galego polo desenvolvemento da economía e a industria pesqueira. Unha aposta máis entre as moitas que se veñen levando a cabo na Xunta desde fai ben tempo. Así o demostran os 268 millóns de euros que se concederon entre os anos 2000 e 2004 para crear e modernizar estas industrias”.

- “No ano 2003 o volume de vendas (nos sectores conserveiro e frigorista) foi superior aos 2.600 millóns de euros, o que supuxo un crecemento do 37% respecto a 1999, e xeráronse preto de 11.000 postos de traballo directo, un 14% máis que en 1999”.

- “Fíxose moito si, pero aínda queda moito por facer, por iso desde a Xunta comprometémonos a seguir traballando para impulsar todas aqueles investimentos que favorezan a localización e a expansión deste sector”.

FICHA TÉCNICA:

- Investimento total: 5.896.424 euros
Achega da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos: 2.100.528 euros

- Superficie: 6.640 metros cadrados

- Postos de traballo creados: 55.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia