Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga salienta o dinamismo da Bodega Cooperativa San Roque SCG, que produce un 7% do total do viño da denominación de orixe Ribeiro

A Xunta de Galicia subvencionou con 795.000 euros (máis do 25 por cento do total) a construción das novas instalacións da Bodega Cooperativa San Roque S.C.G., situada no concello ourensán de Beade, e que conta cunha produción estimada anual superior ao millón de litros de viño, o que representa algo máis do 7 por cento do total producido baixo a Denominación de Orixe Ribeiro.

Durante a súa intervención no acto de inauguración, Manuel Fraga salientou o dinamismo desta bodega cooperativa, constituída hai dous anos, e integrada por 70 socios. Ao acto tamén asistiron o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes; o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Luis Baltar; e o alcalde de Beade, Senén Pousa.

O presidente da Xunta salientou o valor do asociacionismo e do cooperativismo como impulsores e dinamizadores da actividade vinícola. “É unha fórmula que se ten mostrado como moi indicada para canalizar a suma de esforzos, para facer posible a realización de iniciativas ou proxectos que, pola súa magnitude ou complexidade, non serían doados de acadar”, indicou Manuel Fraga.

A PROL DO DESENVOLVEMENTO DO AGRO

Manuel Fraga vinculou a fórmula do cooperativismo co desenvolvemento da economía e da sociedade rural posto que este tipo de iniciativas permiten mellorar a calidade de vida neste ámbito ao facilitar a presenza de oportunidades e a consecución do equilibrio territorial. Estes aspectos son indicadores clave –tal e como lembrou o presidente da Xunta- “da modernidade e do progreso dun país”.

Así, o presidente da Xunta rematou a súa intervención no acto animando a que o exemplo desta bodega cooperativa sexa imitado por outras moitas asociacións agrarias e agroalimentarias.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DAS INSTALACIÓNS DA BODEGA COOPERATIVA SAN ROQUE, S.C.G.

-“No sector agroalimentario galego ten cada vez máis peso o papel do asociacionismo e do cooperativismo como impulsores e dinamizadores desta actividade. É unha fórmula que se ten mostrado moi indicada para canalizar a suma de esforzos, para facer posible a realización de iniciativas e proxectos que, pola súa magnitude ou complexidade, non serían doados de acadar”.

-“Hoxe, atopámonos ante un novo e destacado exemplo do resultado deste esforzo colectivo, ao inaugurar estas instalacións no Concello de Beade, concibidas para transformar e comercializar a produción vitivinícola dos 70 socios participantes neste proxecto”.

-“Así, para levar adiante esta actuación, foi preciso a realización dun esforzo en investimentos de 3.050.000 euros, dos que preto de 795.000 euros serán achegados finalmente pola Administración”.

-“É unha instalación de gran transcendencia, se temos en conta que a súa produción estimada supera o millón de litros de viño, que vén representar algo máis do 7 por cento dos 13,5 millóns de litros producidos no pasado ano polo conxunto da denominación”.

-“É preciso felicitar e salientar o labor levado a cabo por esta bodega cooperativa, animando a que o seu exemplo sexa imitado por outras moitas cooperativas e asociacións agrarias e agroalimentarias”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia