Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga presenta a autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense como exemplo do compromiso da Xunta co futuro de Ourense e Pontevedra

Manuel Fraga presidiu o inicio das obras da autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, para cuxa construcción a Xunta ten orzamentados 150 millóns de euros. En concreto, no treito entre Dozón e Amear -comezado esta mañá- o Executivo galego investirá 21 millóns de euros para construír os 6,7 quilómetros que o forman, que contan cun prazo de execución de 24 meses.
No acto de inicio de obras tamén participaron, entre outros, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Diputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán; o presidente da Diputación Provincial de Ourense, Xosé Luis Baltar e; varios alcaldes da zona, entre eles, o da cidade de Ourense e o tenente de alcalde de Dozón.

O mandatario galego referiuse a esta infraestrutura como unha “actuación fundamental” para o desenvolvemento da provincia de Ourense e do interior de Pontevedra e un “exemplo do compromiso” da Xunta co seu futuro.

PLAN GALICIA: XUNTA 69%, GOBERNO CENTRAL 29%

O presidente da Xunta de Galicia lembrou que a autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense é adicional ao Plan Galicia, no que o Goberno galego está aexecutar 29 actuacións en estradas, estando o 69% en servizo ou en fase de expropiación, contratación ou execución de obras. A estes datos, Fraga contrapuxo o labor do Ministerio de Fomento nas 7 autovías comprometidas no Plan, ningunha das cales está rematada, e atopándose o 29% en expropiación, contratación ou obras.

Manuel Fraga explicou que con estas infraestruturas se está a realizar unha “Galicia cidade única de 2,8 millóns de habitantes comunicados entre si”, e reiterou o compromiso de que en 2010 o 80% da poboación galega estará conectada por 16 autovías interiores, e en 2014 máis da metade (54%) estarano por AVE. Fraga insistiu unha vez na importancia das infraestruturas para a Comunidade: “vainos o futuro niso”, sentenciou.

TODOS XUNTOS NO DESENVOLVEMENTO DE GALICIA

O mandatario galego afirmou que Galicia é hoxe unha Comunidade “moderna, desenvolvida, que progresa sen sobresaltos”, indicando que “todos xuntos estamos levando o país” a niveis de desenvolvemento e benestar “insospeitados para os nosos antecesores”. O titular da Xunta mencionou os últimos indicadores económicos, asegurando que as políticas desenvolvidas “deron os seus froitos”, e insistindo en que a unión dos galegos “no fundamental”, contribuíu a este avance.

“A calidade é o obxectivo fundamental do noso modelo para o futuro de Galicia. Por iso producimos cambios substanciais no xeito de concibir e actuar sobre o territorio”, dixo Manuel Fraga, quen remarcou que se está a duplicar a cantidade de solo para a instalación de empresas (chegando aos 60 millóns de metros cadrados).

SEGUIR AVANZANDO

Segundo o presidente da Xunta, é preciso afondar nas liñas de actuación que se están seguindo, tanto desde o punto de vista das infraestruturas, como nas políticas de atención aos máis débiles e desfavorecidos: a infancia, a terceira idade, os parados e as persoas en risco de exclusión social.

“Nós cremos no diálogo, na tolerancia, na responsabilidade e no sentido da realidade”, dixo Fraga. “Nós recuperamos o orgullo de ser galegos, dentro da gran nación española. Non creamos conflitos (...); temos unha idea coherente de país (...); cremos nas reformas constitucionais e autonómicas, pero desde a prudencia e a procura de solucións, sen acumular incongruencias, como fan outros”, concluíu.

GOBERNO QUE CUMPRE CON GALICIA

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda sinalou que “cando se comprometen obras, prazos e orzamentos as institucións funcionan, pero cando din que comprometen obras pero non comprometen nin prazos nin orzamentos os cidadáns perden a confianza nas institucións”. Nesta liña, Alberto Núñez Feijóo tamén indicou que existe unha paradoxa: mentres o Goberno galego está a unir Santiago-Ourense por autoestrada, “hai outro Goberno que ten paralizado o AVE entre estas dúas cidades”. O vicepresidente primeiro amosouse confiado en que os cidadáns saiban recoñecer a quen defende os seus intereses reiterando que o Goberno da Xunta “está cumprindo con Galicia”.

PALABRAS DE MANUEL FRAGA NO INICIO DAS OBRAS DA AUTOESTRADA ALTO DE SANTO DOMINGO-OURENSE

- “Neste treito entre Dozón e Amear imos investir máis de 21 millóns de euros. En total, temos orzamentados 150 millóns de euros para completar a autoestrada entre o Alto de Santo Domingo e a capital ourensá”.

- “Unha actuación fundamental para o desenvolvemento da provincia de Ourense e do interior de Pontevedra, e un exemplo do compromiso da Xunta de Galicia co seu futuro”.

- “A autoestrada que hoxe iniciamos é adicional ao Plan Galicia. Dentro do Plan, o Goberno galego está a executar 29 actuacións en estradas, das que o 69% están en servizo ou en fase de expropiación, contratación ou execución de obras. Pola súa banda, o Ministerio de Fomento ten comprometidas dentro do Plan Galicia sete autovías, das cales ningunha está rematada e o 29% atópase en período de expropiacións, contratación ou obras. Insisto no dato: 69% a Xunta, 29% o Goberno central”.

- “Con estas infraestruturas estamos a deseñar e realizar unha Galicia cidade única de 2,8 millóns de habitantes comunicados entre si. O 80% da poboación estará conectada por 16 autovías interiores no 2010 e o 54% conectada por AVE no período 2010-2014. Unha Galicia forte e cohesionada”.

- “Galicia é hoxe unha Comunidade moderna, desenvolvida, que progresa sen sobresaltos. A calidade é o obxectivo fundamental do noso modelo para o futuro de Galicia. Por iso producimos cambios substanciais no xeito de concibir e actuar sobre o territorio”.

- “Os indicadores económicos son positivos. As políticas desenvolvidas nos últimos anos deron os seus froitos. A unión dos galegos no fundamental contribuíu a un presente que é moito mellor que o pasado”.


- “Nós cremos no diálogo, na tolerancia, na responsabilidade, e no sentido da realidade. Nós recuperamos o orgullo de ser galegos, dentro da gran nación española. Non creamos conflitos, non nos instalamos no vitimismo. Temos unha idea coherentes de país, sen asimetrías marcadas polos intereses de partido ou electorais. Cremos nas reformas constitucionais e autonómicas, pero desde a prudencia e a procura de solucións, sen acumular incongruencias e problemas, como fan outros”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia