Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Máis de 30.000 veciños dos concellos de Ribadumia, Cambados e Vilanova beneficiaranse da variante de ponte Arnelas, que Política Territorial construirá cun investimento de 2'8 millóns de euros

O vicepresidente primeiro do Goberno galego e conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e dos alcaldes de Ribadumia, Cambados e Vilanova de Arousa, presentou o proxecto de trazado da variante de Ponte Arnelas, na que a Xunta de Galicia vai investir 2,8 millóns de euros, incluíndo o orzamento que se destinará ás expropiacións. Ademais, o conselleiro inaugurou as obras de seguridade vial realizadas na travesía de Ponte Arnelas e na estrada Coirón-Ribadumia-Leiro.

Núñez Feijóo destacou que “esta estrada é utilizada por unha media de 4.000 vehículos ó día, dos cales aproximadamente o 11,6% son de transporte pesado. A variante de Ponte Arnelas mellorará as comunicacións e a seguridade vial de máis de 30.000 veciños dos concellos de Ribadumia, Vilanova e Cambados”.

“A variante de Ponte Arnelas –engadiu- inclúe a construcción dunha nova ponte sobre o río Umia, xa que a actual é moi estreita, cun ancho de cinco metros, ademais de comezar e finalizar en curvas pronunciadas”.

CARACTERÍSTICAS
A variante terá 554 metros de lonxitude, dos cales 170 corresponden á nova ponte. O ancho da estrada será de 9 metros, con dous carrís de circulación de 3,5 metros e beiravías de 1 metro a ambos lados da calzada.

Esta actuación forma parte do convenio asinado entre a Consellería de Política Territorial e a Deputación de Pontevedra para o arranxo de diversas estradas da provincia, en concreto os viais Porráns-Moraña, Simes-Dorrón e a propia variante de Ponte Arnelas.

TRAVESÍA DE PONTE ARNELAS
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda levou a cabo obras de acondicionamento e mellora na estrada PO-300 (Nogueira-Cambados), por un importe de preto de 700.000 euros. O obxectivo desta actuación é lograr un incremento da seguridade vial que repercutirá, ademáis, nunha maior fluidez do tráfico.

As obras afectaron a un tramo de preto dun quilómetro da travesía de Ponte Arnelas. Realizouse o reforzo do firme coa extensión dun novo aglomerado asfáltico de maior calidade e resistencia. Ademais colocáronse beirarrúas e aparcamentos, renovouse tanto a sinalización vertical como a horizontal e instaláronse puntos de alumeado público.

ACTUACIÓNS EN TODA GALICIA
Estas obras de ensanche e mellora da rede existente teñen como obxectivo garanti-la accesibilidade dos núcleos de poboación da comunidade autónoma ós principias eixos de comunicación e diminuír a siniestralidade das estradas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia