Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Federación Ecoloxista presenta alegacións contrarias á instalación de parques eólicos na Serra do Suído

1º Cuestionamos a política territorial da Xunta de Galiza, carente dunha planificación que valore e integre adecuadamente a ordenación ambiental do territorio, establecendo os diferentes usos non só en virtude dos intereses productivos senón tamén segundo as condicións ecolóxicas do territorio. Esta situación está a permitir e fomentar a construcción de diversas infraestructuras, como a que nos ocupa, en zonas de elevado valor natural, contribuíndo ao seu deterioro ambiental e paisaxístico.
2º A serra do Suído é un dos principais espacios de media montaña da xeografía galega, cuns valores naturais e patrimoniais excepcionais, nun aceptábel estado de conservación. Boa parte desta riqueza ecolóxica é resultado dos aproveitamentos agrogandeiros tradicionais de montaña, sendo esta área un dos poucos exemplos que representan con maior pureza os elementos derivados desta transformación, polo que resulta inexplicábel a súa exclusión da proposta oficial da Xunta de Galiza, para formar parte da rede europea Natura 2000.
3º A serra do Suído é unha das principais áreas para as aves rapaces de Galiza, ao destacar as boas características que reúnen os seus hábitats para estas especies. A cría de bufo real, a existencia dunha colonia de rapina cincenta e a presencia de aguia real, aguia albela, voitre leonado, gatafornela, falcón peregrino, falcón pequeno, miñato abelleiro, azor e gabián (especies de interese comunitario), avalan a importancia deste territorio.
4º Tamén destacamos a existencia na serra, dunha das mellores poboacións de lobo ibérico da península, sendo esta área a de maior densidade, coa presencia de cinco núcleos familiares .
5º Dacordo coa proposta de resolución da Federación Ecoloxista Galega, F.E.G., subraiamos que non se pode ignorar que os parques eólicos ocasionan impactos ambientais negativos que cómpre considerar adecuadamente, coa finalidade de evitar graves e innecesarios danos ambientais. A apertura de pistas, a construcción de novas liñas eléctricas para evacuar a enerxía producida e a instalación dos aeroxeradores orixinan prexuízos ambientais que mesmo poden ser inaceptábeis se afectan a áreas de elevado interese natural merecedoras de protección especial ou xa protexidas. Os parques eólicos poden ser unha causa importante de degradación de áreas de alto valor ecolóxico. Ademais, o Estudio de Impacto Ambiental do proxecto que nos ocupa, non contempla toda a parte do territorio da serra do Suído e non se considera dentro do estudio a alternativa 0, de non construcción, senón que o estudio só contempla a mellora do proxecto con respecto as cuestións medioambientais.
Federación Ecoloxista Galega (FEG)