Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Asuntos Sociais destina este ano 800.000 euros ao concello de Ferrol para iniciativas en materia de emprego

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais achega este ano 802.969 euros ao Concello de Ferrol para diferentes actuacións en materia de emprego coas que se quere contribuír a creación de novos postos de traballo. Así o explicou a responsable do departamento autonómico, Belén Prado, nunha rolda de prensa na que expuxo as iniciativas que están a desenvolver conxuntamente as dúas administracións a prol da mellora do emprego e dos servizos sociais destinados aos cidadáns de Ferrol.

Na súa intevención a conselleira indicou que o Concello de Ferrol é unha entidade asociada ao Servizo Galego de Colocación, polo que conta cunha subvención por parte do departamento autonómico de 24.495 euros para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego.

Así mesmo, na actualidade este concello está a desenvolver o Obradoiro de Emprego San Felipe, no que se están formando corenta e cinco alumnos nas especialidades de albanelería, pintura e xardinería. Este proxecto, que conta cunha subvención da Consellería de Emprego de 778.474,80 euros, busca promover a empregabilidade dos alumnos-traballadores, así como contribuír á mellora de diversos espazos dos que poderán beneficiarse tódolos veciños de Ferrol.

Ademais, Ferrol conta co apoio da Consellería de Asuntos Sociais para a realización de numerosos cursos de formación ocupacional, cos que tamén se pretende aumentar as posibilidades de acceder ao mercado laboral dos desempregados deste municipio. Así mesmo, a cidade desenvolve outros programas de incentivos e subvencións para a promoción do emprego como o Programa Labora, do que se beneficiaron un total de 25 mozos do municipio o pasado ano.

A responsable de Relacións Laborais cualificou de fructífera a colaboración mantida entre ámbalas dúas entidades e lembrou que desde o ano 1998, no que a Xunta de Galicia asumiu as competencias en materia de políticas activas de emprego, o paro na provincia da Coruña descendeu en máis de 981 e o número de afiliados á Seguridade Social medrou en 765.

SERVIZOS SOCIAIS

No que se refire ao eido da política social, a titular de Asuntos Sociais explicou que o seu departamento vén desenvolvendo dende o ano 2001 unha liña de colaboración co Concello de Ferrol a través dun convenio, asinado no marco do I Plan Galego de Inclusión Social, para a implantación dun dispositivo de integración global para persoas desfavorecidas residentes neste termo municipal.

Ata o 30 de marzo de 2005 incorporáronse ao I Plan Galego de Inclusión Social no Concello de Ferrol 454 persoas, ás que lles foron deseñados proxectos personalizados de carácter laboral e social. Por outra banda, acadáronse 108 insercións laborais e visitáronse un total trinta e unha 31 empresas da zona. A achega da consellería para este programa, neste ano 2005, é de 77.700 euros.

Isto súmase ao financiamento achegado pola consellería a través do Plan concertado para a prestación dos servizos sociais de atención primaria por parte deste Concello, no que se inclúen programas como a axuda no fogar, o programa de inserción social, o de orientación, asesoramento e información, ou o de prevención e de convivencia alternativa, entre outros. Nesta lexislatura o orzamento destinado a estes programas no Concello de Ferrol foi de arredor de 1.140.000 euros.

Este concello participa tamén coa Consellería de Asuntos Sociais e os municipios de Cervo, Burela e Foz, entre outras entidades, no desenvolvemento do Proxecto Diana, enmarcado na iniciativa comunitaria EQUAL. Este proxecto, no que participarán unhas 350, ten por obxectivo favorecer a inserción laboral de persoas co especiais dificultades para acceder a un posto de traballo. O orzamento total do proxecto é de 1.806.922 euros.

Trala rolda de prensa, a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais visitou as diferentes actuacións que están a realizar os alumnos do Obradoiro de Emprego San Felipe. Belén Prado trasladouse, en primeiro lugar ata o Centro de Información á Muller do municipio ferrolán para, a continuación comprobar o estado das obras de recuperación lo Lavadoiro de Insua. Finalmente, a responsable do departamento autonómico visitou a sede do obradoiro e futuro Centro de Formación para o Emprego do Concello de Ferrol.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia