Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Xustiza subvencionará con máis de 34.000 euros a celebración da Asamblea do Movemento Veciñal de Galicia

O conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, acompañado polo vicepresidente segundo e conselleiro de Medioambiente, Xosé M. Barreiro, e o presidente da Federación de Asociacións de Veciños do concello de Lugo, Jesús Vázquez, asinaron un convenio co obxectivo de fixar as liñas de colaboración entre ambas institucións para a celebración da Asamblea do Movemento Veciñal de Galicia, dirixida a representantes de asociacións de veciños de toda Galicia, e que este ano terá lugar na cidade de Lugo.

Polo convenio asinado, a Consellería de Xustiza aportará 34.600 euros á Federación de Asociacións de Veciños do concello de Lugo, para o financiamento da celebración da Asamblea do Movemento Veciñal de Galicia. Os gastos que se subvencionarán con esta achega corresponderanse con gastos de organización, material de imprenta e docencia, gastos de persoal e aluguer de local.

O conselleiro de Xustiza, Xesús Palmou, destacou, tras a sinatura do acordo, o “compromiso do goberno galego coas asociacións de veciños, que se puxo de manifesto na vixente Lei de Administración Local de Galicia que tiven a honra de impulsar, e na que se adica toda unha sección a regular estes colectivos aos que se lles atribúe a consideración de entidades de participación cidadá”.

A sinatura deste acordo enmárcase dentro do obxectivo da Consellería de Xustiza de impulsar o movemento veciñal de Galicia, potenciar a homologación e coordinación das actuacións que as distintas asociacións de veciños existentes en Galicia veñen acometendo nos derradeiros tempos, e, ao mesmo tempo, fomentar novas liñas de actuación destes colectivos.

AXUDAS

Por outra banda, a Consellería de Xustiza colabora tamén coa Federación de Asociacións de Veciños do concello de Lugo na financiación de cursos de formación dirixidos a directivos de asociacións veciñais, promovidos por esta Federación e cos que se persigue dotar aos responsables do movemento veciñal dos coñecementos precisos para desenvolver axeitadamente un labor cada día máis complexo e fundamental para canalizar a participación cidadán na xestión dos asuntos públicos.

Neste senso, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no marco da súa liña de colaboración coa Administración Local para contribuír a mellorar a calidade da vida local, e pretendendo estimular, ao mesmo tempo, a dinamización da vida interna das asociacións, na procura de ámbitos de convivencia colectiva, de harmonización social e de potenciación dos valores e finalidades socioculturais destas entidades, ven colaborando, dende hai anos co movemento veciñal, mediante a convocatoria da correspondente Orde anual de subvención, a través da cal se levan xa investidos máis de 600.000 de euros.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia