Manuel Fraga asegura que a Xunta está a investir todos os seus esforzos para que a saída da Volvo Ocean Race de Galicia sexa a máis espectacular da súa historia

Mediante este convenio asinado entre os máximos representantes da Xunta de Galicia e de Caixanova, esta entidade financeira convértese en patrocinador oficial da proba, colaborará na difusión da proba e achegará para tal finalidade un total de 2.400.000 euros.
Na súa intervención, o xefe do Executivo galego agradeceu a colaboración desta entidade financeira “fundamental no tecido social e productivo da nosa comunidade”, dixo, salientando que este acordo “significa a forte aposta” de Caixanova “por un ambicioso proxecto que marcará, con toda probabilidade, un antes e un despois na historia da náutica galega”. Así mesmo, destacou que “a promoción deportiva e turística contribuirán”, “grazas” aos patrocinadores, a incrementar a “notoriedade” da regata.
NO TOP TEN DO DEPORTE
Para Manuel Fraga, para que a VOR sexa un éxito “é necesaria a implicación e o apoio incondicional de tódolos sectores da sociedade galega”. Neste contexto, subliñou que con este acordo, co que Caixanova “asume o compromiso de vincular a súa imaxe corporativa e a súa actividade comercial coa saída dende Galicia da Volvo Ocean Race”. Xustamente por este compromiso o xefe do Executivo autonómico “felicitou” á entidade. Manuel Fraga congratulouse polo “apoio” e “pola decisión de patrocinar un dos dez eventos deportivos máis importantes do mundo”.
Segundo manifestou o presidente da Xunta, participar nun evento do top ten do deporte mundial “incrementará o prestixio desta entidade, que une así o seu nome a Galicia e ao Deporte galego”.
PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN CON MOTIVO DA VOLTA AO MUNDO A VELA ENTRE A XUNTA DE GALICIA E CAIXANOVA
-“Dende a Xunta de Galicia estamos investindo tódolos nosos esforzos, o noso traballo e a nosa ilusión para que a vindeira cita do 12 de novembro se converta na máis espectacular e fermosa das saídas da historia da Volvo Ocean Race”.
- “Para que isto sexa posible é necesaria a implicación e o apoio incondicional de tódolos sectores da sociedade galega”.
- “A sinatura de hoxe deste convenio de patrocinio con Caixanova, institución fundamental no tecido social e productivo da nosa comunidade, significa a forte aposta desta entidade por un ambicioso proxecto, que marcará, con toda probabilidade, un antes e un despois na historia da náutica galega”.
-“Con este acordo, Caixanova asume o compromiso de vincular a súa imaxe corporativa e a súa actividade comercial coa saída dende Galicia da Volvo Ocean Race e achegar este acontecemento aos seus clientes a través da súa estructura comercial e rede de oficinas (máis de catrocentas) no territorio español”.
- “A promoción deportiva e turística contribuirá, grazas ao apoio de Caixanova, a incrementar a súa notoriedade e acadar que todos os esforzos repercutan no éxito da regata”.
- “Quero, por tanto, felicitar a Caixanova polo seu apoio e pola súa decisión de patrocinar un dos dez eventos deportivos máis importantes do mundo. Estou convencido de que, con esta iniciativa, tamén se verán incrementado o prestixio desta entidade que une así o seu nome a Galicia e ao Deporte galego”.
FICHA TÉCNICA
-Obxecto: o presente convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e Caixanova ten por obxecto regular a participación desta entidade financeira na Volta ao Mundo a Vela.
Mediante esta sinatura, Caixanova adquire a condición de patrocinador de Galicia 2005, Volta ao Mundo a Vela, con tódolos dereitos e obrigas inherentes a tal condición. Así mesmo, colaborará coa Fundación Galicia Deporte Galego na elaboración dun proxecto de comunicación no que se fixarán e se determinarán a cronoloxía das actividades, a imaxe e contidos da VOR.
A entidade financeira Caixanova comprométese coa rúbrica deste acordo a achegar un total de 2.400.000 euros e a colaborar na difusión e promoción da Volta ao Mundo a Vela a través dos distintos medios e soportes utilizados por ela nas súas campañas de publicidade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia