Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga destaca o esforzo da Xunta na ampliación da rede de residencias para persoas maiores

O titular do Goberno galego, Manuel Fraga, destacou o esforzo da Xunta na ampliación da rede residencias para persoas maiores na Comunidade Autónoma. O presidente da Xunta inaugurou en Ribadumia o centro residencial Geriatros, construído ao abeiro dun convenio asinado co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e que da emprego a 72 persoas. No acto tamén participaron, entre outros, a conselleira de Familia, Pilar Rojo; o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán; o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e a alcaldesa da localidade María Salomé Peña.

Manuel Fraga declarou a súa “satisfacción” pola “apertura dun novo centro residencial, que pasa a formar parte da “rede de servizos de apoio ás persoas maiores, especialmente ás persoas maiores dependentes, coa que contamos actualmente en Galicia”.

Neste sentido, manifestou que se trata “dun día especial”, posto que esta mesma mañá inaugurou outro centro de características similares a este no concello da Guarda. Neste contexto, o presidente galego anunciou que tanto no centro de Ribadumia como no da Guarda, a Xunta vai a concertar ata o 60% das prazas, enmarcando estas actuacións nun esforzo da Administración autonómica para dar resposta ás demandas da poboación galega e continuando, por tanto, co proceso de ampliación da rede de equipamentos residenciais.

“Contamos –indicou- cun novo centro que, estou convencido, amosará a súa utilidade para os veciños deste concello, de toda a comarca do Salnés e para os de toda Galicia a través da profesionalidade e dedicación do seu cadro de persoal”.

Así mesmo, o xefe do Executivo autonómico lembrou que a Administración galega mantén unha “colaboración permanente” reservando prazas “para as persoas con menos recursos”.

O CENTRO

Este novo centro conta con 152 prazas, dispón de 56 habitacións individuais e 48 dobres, e inclúe un centro de día que ten capacidade para 20 prazas. Nel traballan 72 persoas, nunha plantilla integrada por un 74% de persoal de atención directa.

Os residentes contan cunha oferta de servizos que inclúe dende a atención de axuda á vida, atención social, psicoxeriátrica, ata as prestacións de animación, fisioterapia, podoloxía, perruquería, cafetería e oficios relixiosos

Os terreos sobre os que se asenta o centro, preto de 7.800 metros cadrados, foron doados á Deputación Provincial por un veciño de Ribadumia. Miguel Martínez cedeunos no seu testamento coa condición de que neles se construíra un centro xeriátrico.

Geriatros S.A., empresa especializada na xestión integral de servizos xerontolóxicos e sociais e pertencente ao grupo Caixanova, pon deste xeito en marcha a súa residencia de Ribadumia, na que se teñen investido preto de 5,5 millóns de euros.

AVENIDA DA DEPUTACIÓN

Previamente, o presidente da Xunta, acompañado pola alcaldesa da localidade e polo presidente da Deputación Provincial, inaugurou a Avenida da Deputación, situada a escasos metros da residencia e fundamental para facilitar o acceso ao centro xeriátrico ribadumiense, ao tempo que permite enlazar as estradas provincias Coirón-Ribadumia-Leiro e Lois-Besomaño-Ribadumia.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DO CENTRO RESIDENCIAL GERIATROS DE RIBADUMIA

-“Quixera, en primeiro lugar, expresar a miña satisfacción pola apertura dun novo centro residencial que pasará a formar parte da rede de servizos de apoio ás persoas maiores, especialmente ás persoas maiores dependentes, coa que contamos actualmente en Galicia”.

- “O de hoxe é un día especial neste sentido, pois, precisamente, esta mesma mañá inaugurabamos outro cento de características moi similares a este no concello da Guarda”.

- “Como saben, tanto nesta residencia de Ribadumia como na da Guarda, a Xunta de Galicia vai concertar ata o 60% das prazas, nun esforzo decidido para dar resposta ás demandas da poboación galega e continuando, por tanto, co proceso de ampliación da rede de equipamentos residenciais, un proceso que se ve reflectido no incremento de prazas sostidas con fondos públicos experimentado nos últimos anos”.

-“Contamos, desde hoxe, cun novo centro que, estou convencido, amosará a súa utilidade para os veciños deste concello de Ribadumia, de toda a comarca do Salnés e para os de toda Galicia a través da profesionalidade e dedicación do seu cadro de persoal e a través da permanente colaboración coa Xunta reflectida na cota de prazas reservadas para persoas con menos recursos”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia