Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia conclúe a fase piloto para a súa participación no Informe Pisa 2006

Un total de 33 centros de ESO galegos tomaron parte na denominada fase piloto do Informe PISA 2006, un proceso previo necesario para a participación formal do sistema educativo de Galicia na prestixiosa avaliación internacional, creada pola OCDE.

Xa na edición anterior do PISA, a de 2003, participaron alumnos de Secundaria galegos, se ben non en número suficiente para que os datos de Galicia aparecesen publicados por separado dos do conxunto de España no documento oficial definitivo, que foi dado a coñecer a comezos deste ano.

De feito, no informe de 2003 só participaron cunha mostra suficiente para ser publicados os seus resultados de forma diferenciada as comunidades de Castela e León, Cataluña e País Vasco.

A intención, polo tanto, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, é a de participar nas condicións que permitan a publicación diferenciada dos seus resultados, o que implica pasar dos 285 alumnos que realizaron as probas do PISA en 2003 aos ao redor de 2.000 que o farán para o informe de 2006.

POR ENRIBA DA MEDIA DA OCDE

Cabe subliñar que os 285 alumnos galegos que realizaron os exercicios correspondentes ao informe de 2003 obtiveron uns resultados excelentes. De feito, conseguiron unha media de 501 puntos, o que os situaba por enriba dos promedios da OCDE (498 puntos) e de España (483).

Ademais, dita puntuación colocaba a Galicia na cuarta posición xeral de entre o conxunto das comunidades autónomas españolas. En canto aos ámbitos de coñecemento concretos, os alumnos galegos quedaron situados como os segundos de España en Lectura Comprensiva e os terceiros en Matemáticas.

En canto á fase piloto, que rematou a finais do pasado mes de maio, a consellería traballou en colaboración co Instituto Nacional de Evaluación y Calidad del Sistema Educativo (Inecse). Ao longo deste proceso preliminar participaron 600 alumnos de 33 centros, os cales non necesariamente tomarán parte nos exercicios oficiais do PISA 2006, dado que a participación se determinará por sorteo segundo mostra estatística.

O obxectivo da fase piloto é coñecer como os centros dun territorio determinado asimilan o tipo de exercicios que serán característicos do Informe PISA. Así, no caso de Galicia fixéronse traducións das probas do inglés e francés da redacción orixinal á lingua galega, dado que os alumnos da comunidade autónoma poderán efectuar os exercicios tanto en galego como en castelán.

Ademais, os centros dispuxeron dunha serie de preguntas tipo, a fin de determinar se a súa formulación era ben comprendida polos alumnos ou se, no seu caso, era preciso afinar máis na exposición ou ben na tradución das mesmas.

CIENCIAS, MATERIA PRINCIPAL DE 2006

Unha vez probada a validez das preguntas, no segundo trimestre do ano que ven 60 centros de Secundaria participarán con todas as garantías no PISA 2006.

O Informe PISA (siglas en inglés de Programa para a Avaliación Internacional de Estudantes) foi creado en 1997 e realízase cada tres anos para coñecer os coñecementos e destrezas adquiridos polos estudantes de 15 anos de idade. As probas distribúense nas áreas de Matemáticas, Lectura e Ciencias.

En PISA 2003 participaron 41 países, os 30 membros da OCDE e 11 máis. Na devandita edición, aínda que os exercicios se referían ás áreas referidas, profundizouse especialmente en Matemáticas. Para 2006 a materia principal serán as Ciencias.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia