Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Concello de Oleiros e a Universidade da Coruña asinan o convenio sobre o Premio Concello de Oleiros a Proxectos de Enxeñería Civil

Será o venres día 10 de xuño, ás 12 do mediodía, cando o concello de Oleiros e a Universidade da Coruña, a través da Escola Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, asinen o Convenio que crea o “Premio concello de Oleiros” para premiar os Proxectos de Fin de Carreira e Proxectos Técnicos desenvolvidos no ámbito municipal de Oleiros, que mellor revertan no desenvolvemento do mesmo. A este acto asistirán o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, o Director da Escola, Manuel Casteleiro Maldonado, así como o concelleiro de Obras Públicas Daniel Romero, o arquitecto municipal Rafael Ástor, o Xefe de Estudios da Escola, Luís E. Romera Rodríguez, e o antigo director da devandita Escola –promotor desta iniciativa xunto co concello-, Fernando Martínez Abella.
O obxecto deste concurso é o interese polo desenvolvemento de proxectos relacionados coa Enxeñería Civil no ámbito xeográfico do concello oleirense, e en particular, nos campos das infraestructuras, saneamento e abastecemento da ordenación territorial e do medio ambiente. Un interese no que coinciden ámbalas institucións, concello e Universidade.
Tamén existe un interese común en promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento cultural, científico e tecnolóxico de Galicia, e en particular, do concello de Oleiros, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade. As dúas entidades coinciden tamén no especial interese que teñen os temas de estudio relacionados coa Enxeñería Civil, consideran sumamente eficaz o labor docente e investigadora que desenvolve a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos coruñesa.
Segundo este convenio, nos Proxectos de Fin de Carreira que se presenten valoraránse –á hora de xulgar ós concursantes- o tema obxecto do estudio, a adecuación do proxecto ás necesidades reais do concello, o estudio de alternativas desenvolvido e a calidade da solución finalmente adoptada, así como a valoración integral do proxecto atendendo ó seu grao de definición, ó seu impacto ambiental e ó seu respecto ó patrimonio cultural e ó seu presuposto.
En canto ós Proxectos Técnicos valorarase o tema obxecto de estudio, o procedemento empregado para abordar a investigación e o nivel de profundidade acadado, e os resultados e conclusións obtidas e a súa aplicación no desenvolvemento e prosperidade do concello de Oleiros.
O Xurado estará integrado polo Director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos –que exercerá de presidente-, o alcalde de Oleiros, o secretario académico da Escola, un profesor da mesma designado pola súa comisión permanente, e un profesional designado polo concello de Oleiros.

Concello de Oleiros