Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Emprego activa o primeiro punto de información do Servizo Galego de Colocación na provincia da Coruña

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, asisitiu no concello de Noia á activación do primeiro Punto de Información multimedia (PI) do Servizo Galego de Colocación (SGC) na provincia da Coruña, que se suma aos activados o pasado mes en Maceda (Ourense) e Quiroga (Lugo). O terminal, instalado na casa do concello, permitirá a renovación das demandas de emprego a través dun sistema de identificación por pegada dixital, así coma o acceso á información da páxina web do SGC.

A consellería priorizará a instalación dos terminais en concellos que carezan de oficina de emprego. Deste xeito, evitarase o desprazamento dos usuarios cando teñan que renovar as súas demandas. O plan contempla a instalación de 50 PI durante o 2005. Tras a activación dos primeiros terminais das provincias da Coruña, Ourense e Lugo, o seguinte en activarse será o do Grove, en Pontevedra.

PROCEDEMENTO

Para renovar a demanda de emprego a través do PI, o usuario debe acudir primeiro a unha oficina do SCG, onde se lle rexistrarán as súas impresións dixitais. Unha vez feito este rexistro, poderá utilizar calquera terminal da Comunidade Autónoma para facer a renovación.

Ademais, nunha segunda fase do programa, os Puntos de Información permitirán, previa identificación da persoa, consultar a información persoal existente na base de datos do Servizo Público de Emprego.

OBXECTIVOS

O plan de instalación de PI enmárcase dentro do proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia. Un dos obxectivos primordiais deste proceso é achegar o máis posible aos cidadáns as operacións que, ata o de agora, se estaban a realizar nas oficinas de emprego.

Nesta liña de actuacións, o pasado ano púxose en marcha a aplicación contrata, que permite rexistrar os contratos de traballo a través da internet, sen ter que acudir ás oficinas de emprego. A aplicación, que pode ser xestionada directamente polas empresas ou por xestorías previamente autorizadas por elas, obtivo unha grande aceptación no mundo empresarial.

O proceso de modernización do servizo público de emprego comprende tamén as reformas que se están a levar a cabo na rede de oficinas de emprego co obxectivo de optimizar os seus resultados. As modificacións xiran arredor de tres eixos principais: a redistribución xeográfica das oficinas, unha maior introducción das tecnoloxías da comunicación no seu funcionamento e máis implicación dos técnicos de emprego co entorno local. Está previsto que o programa de revisión da rede de oficinas conte cun orzamento de 4.700.000€ a investir no periodo 2005-2007.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia