Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta investiu máis de 40 millóns de euros no treito Igrexafeita-Espiñaredo, da autovía Ferrol-Vilalba

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, inaugurou en San Sadurniño o treito Igrexafeita-Espiñaredo, correspondente a autovía Ferrol-Vilalba, no que o Goberno galego investiu un total de 40,1 millóns de euros. No acto tamén participaron, entre outros, o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo; os alcaldes de San Sadurniño, As Pontes, As Somozas e Ferrol. O titular do Executivo autonómico considerou a obra como unha grande actuación e indicou que a conexión entre As Pontes e Ferrol é xa un feito, como o será, de maneira inminente a execución total da obra Ferrol-Vilalba. Esta obra inscríbese dentro das actuacións do Plan Galicia Xunta. O plan, segundo manifestou Manuel Fraga, está a ser cumprido con “puntualidade” polo Goberno autonómico. “Lamentablemente non ocorre o mesmo co treito Cabreiros-Vilalba, responsabilidade do Ministerio de Fomento”, lamentou o presidente da Xunta.

O titular da Xunta expresou, ademais, que “Galicia adéntrase de man das novas infraestruturas do transporte nun futuro de oportunidades”, e asegurou que o desencanto dos galegos é algo do pasado, posto que hoxe os cidadáns de Galicia reivindican con orgullo a súa condición de galeguidade. Ao longo dos últimos quince anos, a Comunidade Autónoma “espertou do seu letargo”, asegurou Manuel Fraga, quen indicou, ademais, que “Galicia está recuperando a ilusión, cre nas súas capacidades e posibilidades”.

GARANTÍA DE VERTEBRACIÓN

Esta ilusión constátase nas novas infraestruturas de transporte, nas novas autovías e autoestradas, nas liñas de alta velocidade, e nos modernos portos e aeroportos con que se dotou e está a dotar Galicia. “Cunhas infraestruturas modernas e completas, á altura dos países prósperos, Galicia convértese nunha terra de oportunidades e de progreso”, sinalou Manuel Fraga.

Unir conservación e renovación é unha das claves do éxito e constitúe un dos símbolos de identidade que fan de Galicia unha terra única e diferente. A Xunta de Galicia vén actuando na procura destes obxectivos desde que Manuel Fraga se fixo cargo da Presidencia do Goberno galego, en 1990. “Os resultados –segundo o mandatario autonómico- están á vista”. “Estamos mellor comunicados co exterior e, interiormente, melloramos en calidade e cantidade os centros de saúde e hospitais, melloramos cualitativa e cuantitativamente os centros educativos e universitarios, melloramos en centros culturais e instalacións deportivas”, sinalou Manuel Fraga, citando algúns dos progresos acadados en Galicia durante os últimos quince anos.

Finalmente, o presidente da Xunta referiuse á obra inaugurada como un paso máis na conexión por autovía entre Ferrol e Vilalba para continuar avanzando na conexión coa cornixa cantábrica. “Estamos sen dúbida ante unha excelente realidade que quero compartir con vostedes”, concluíu Manuel Fraga.

PAÍS “VIVO”

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que Galicia “desde o punto de vista de infraestruturas sigue viva” porque neste momento se están a executar sete autovías e unha autoestrada, que suman un total de 300 quilómetros. Isto, en palabras de Núñez Feijóo, “supón un compromiso de que neste país vai seguir modulándose un mapa de infraestruturas”. Nesta liña, o conselleiro de Política Territorial tamén engadiu que se está a traballar en 26 vías de alta capacidade, que supoñen un total de 423 quilómetros, aos que hai que engadirlle os 800 xa finalizados na actualidade. “Estes datos –indicou o vicepresidente primeiro- avalan que o Plan Galicia existe, que o Plan Galicia se pode executar e que o Plan Galicia só depende da vontade política dos gobernos”. Así, Alberto Núñez Feijóo engadiu que o Goberno da Xunta está a cumprir pero non así o Goberno Central.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DO TREITO IGREXAFEITA-ESPIÑAREDO DA AUTOVÍA FERROL-VILALBA

-“Hoxe é un gran día. Inauguramos un novo treito da autovía Ferrol-Vilalba, o correspondente a Igrexafeita-Espiñaredo. Unha obra na que investimos máis de 40 millóns de euros. Deste xeito, conéctase por autovía As Pontes con Ferrol e remátase o 50 por cento dos quilómetros que conforman esta actuación”.

-“Esta obra inscríbese dentro das actuacións do Plan Galicia Xunta, o que pon de manifesto que o plan non era fume, e que está a ser cumprido con puntualidade pola Xunta de Galicia. Lamentablemente non ocorre o mesmo co treito Cabreiros-Vilalba, responsabilidade do Ministerio de Fomento”.

-“Hoxe Galicia espertou do seu letargo [...] Galicia está recuperando a ilusión, cre nas súas capacidades e nas súas posibilidades. O desencanto galego deixou paso á reivindicación lexítima da orgullosa condición de galeguidade”.

-“Galicia convértese nunha terra de oportunidades e de progreso. [...] A receita do éxito é aunar a conservación e a renovación. Conservación das tradicións, da cultura, dos símbolos de identidade que fan a Galicia única e diferente. Renovación e modernización de estruturas económicas e sociais, do anacrónico e obsoleto”.

-“Con estes criterios vimos actuando nos últimos 15 anos desde a Xunta. Os resultados están á vista. Estamos mellor comunicados co exterior e, interiormente, melloramos en calidade e cantidade os centros de saúde e hospitais, melloramos cualitativa e cuantitativamente os centros culturais e instalacións deportivas”.

-“Hoxe damos solución a unha necesidade auténtica: a comunicación por autovías das Pontes con Ferrol e continuamos avanzando na conexión entre a capital departamental e Vilalba para, desde aquí, continuar por toda a cornixa cantábrica”.

FICHA TÉCNICA

TREITO IGREXAFEITA-ESPIÑAREDO DA AUTOVÍA FERROL-VILALBA

Cunha lonxitude de 8,6 quilómetros, este treito forma parte da autovía Ferrol-Vilalba, e completa a conexión entre As Pontes e a cidade departamental. Neste treito, o Goberno galego investiu un total de 40,1 millóns de euros. A obra, inaugurada hoxe, conta con 3 viadutos e dous enlaces. Case a metade da futura autovía Ferrol-Vilalba está xa completada coa inauguración deste novo treito. É previsible que proximamente estean en obras todos os treitos, excepto o correspondente a Cabreiros-Vilaba, responsabilidade do Ministerio de Fomento.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia