Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia proba por primeira vez o voto electrónico desde un buque pesqueiro

A Xunta Electoral Central autorizou, mediante acordo do 2 de xuño de 2005, a realización dunha experiencia piloto de voto electrónico, sen validez legal, desde un buque pesqueiro. Deste xeito, Galicia convértese en pioneira na introducción de novas tecnoloxías para facilitar o dereito a voto. O conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Xaime Pita, visitou o buque Nuevo Laredo, atracado no porto de Vigo, desde onde se realizarán estas probas de voto electrónico. A bordo do pesqueiro, Xaime Pita explicou as características desta modalidade de voto electrónico.

O conselleiro da Presidencia agradeceu ao armador e á tripulación do barco a colaboración prestada para poder levar a cabo esta experiencia piloto e anunciou que probas semellantes se realizarán tamén en Montevideo e na capital de Galicia. O escrutinio destes votos, sen validez legal, realizarase o mesmo día das eleccións, o 19 de xuño a partir das 20,00 h.

Xaime Pita amosouse confiado en poder iniciar nun breve prazo de tempo, e unha vez comprobado que este procedemento cumpre os principios básicos de todo proceso democrático, os trámites parlamentarios necesarios para a modificación legal correspondente. O obxectivo sería que, deste xeito, se poida votar electronicamente e co aval da lexislación pertinente, xa na próxima cita electoral.

O Nuevo Laredo partirá o sábado, 11 de xuño, cara o Gran Sol e non regresará ata despois do día 19, data na que se celebrarán as eleccións ao Parlamento de Galicia. Os membros da tripulación deste buque pesqueiro censados na Comunidade galega poderán exercer o seu dereito a voto, sen validez legal, durante a xornada do 17 de xuño.

A empresa Indra é a encargada de realizar esta experiencia piloto, para o que conta con solvencia técnica contrastada en procesos electorais y na realización deste tipo de probas.

COLECTIVOS CON DIFICULTADES PARA VOTAR

Na actualidade, existen certos colectivos con grandes dificultades para poder exercer o seu dereito a voto. Un deles é o persoal embarcado que non toca porto desde a convocatoria de eleccións ata a súa celebración. Para aqueles que si tocan porto nacional, habilitouse un procedemento previsto na normativa vixente que se traduce nunha modalidade do voto por correo. Percíbese, pois, unha lagoa legal que impide exercer o dereito a voto ao colectivo de pesca de altura, a pesar que a Constitución recolle que a lei recoñecerá e o Estado facilitará o exercicio deste dereito aos españois que se encontren fóra do territorio nacional.

As novas tecnoloxías, como Internet, preséntanse como unha posible vía para dar solución á lagoa legal existente, aínda que será preciso unha reforma da lexislación electoral vixente para que estes colectivos poidan exercer o seu dereito a voto seguindo este procedemento.

A iniciativa probada pretende dar cumprimento ao mandato do Parlamento de Galicia, relativo á reivindicación do recoñecemento dos residentes ausentes como poboación de pleno dereito, así como a varias das resolucións do Debate de Política Xeral do ano 2004, nas que se insta á Xunta de Galicia á regulación e introducción do voto electrónico e de novas tecnoloxías da información e intercomunicación telemática para garantir a representación e valoración dos emigrantes.

PROBAS E COMPROBACIÓNS

A incorporación das novas tecnoloxías á xestión dos procesos electorais, e especialmente ao acto de votación, é unha esixencia que require numerosas probas e comprobacións que aseguren a súa eficiencia e garantan o anonimato do votante e o secreto da súa opción electoral.

O uso de Internet, xa habitual para procesos como a declaración da renda, preséntase como unha solución aceptable, fiable e segura para garantir o dereito a voto de colectivos que non terían oportunidade de participar nas eleccións convocadas en cada proceso electoral.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia