Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Coa Volvo Ocean Race temos ocasión de proxectar a imaxe da nosa terra máis alá das nosas fronterias como nunca antes puidemos facelo, afirma Manuel Fraga

Manuel Fraga asinou en Santiago un convenio de colaboración coa entidade Hijos de Rivera S.A. (Estrella Galicia), para o patrocinio da Volvo Ocean Race. Na sinatura tamén estiveron presentes a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo, e mailo director xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.

O presidente da Xunta quixo destacar que este “é un momento vital para todos os galegos”, asegurando que “temos a ocasión de proxectar a imaxe da nosa terra máis alá das nosas fronteiras como nunca antes puidéramos facelo”. Así mesmo, advertiu que “é a primeira vez que esta proba sae dende Galicia” e que este feito pode “ser o precedente para outras saídas”.

O mandatario galego quixo agradecer a aposta da entidade por vincular o seu nome á Volta ao Mundo a Vela, que “está a situar a Galicia na vangarda da náutica mundial”. Precisamente Hijos de Rivera S.A. levará a cabo actuacións de difusión publicitaria e promocional por valor de 16,4 millóns de euros, e destinará un millón de euros máis ao seu patrocinio.

NOVO IMPULSO GRACIAS AO APOIO EMPRESARIAL

Manuel Fraga explicou que unindo o espírito da Volvo Ocean Race coa filosofía de Estrella Galicia -“referente de prestixio empresarial, no que se conxuga con sabedoría o compromiso social cun solvente liderado”-, “estaremos apoiando a unión de dous proxectos avalados por unha mesma forza: a de todos os galegos”.

O titular do Executivo galego asegurou que Galicia Navega 2005 é unha “nova forma” de entender a náutica para Galicia; “un punto de partida” dunha realidade na que os sectores vinculados ao mar “tomen a palabra no turismo, na economía e no deporte galego”. Ademais, explicou que o apoio das empresas simboliza a implicación dunha boa parte da sociedade, configurándose como “garante de éxito” para que estas iniciativas “coas que Galicia está a dar grandes pasos, poidan facernos medrar como potencia en todos os ámbitos”.

Pola súa banda, o Director xeral de Hijos de Rivera, S.A., José María Rivera Trallero, bisneto do fundador da empresa, agradeceu “a disposición” da Xunta para a organización deste evento. Segundo manifestou Rivera Trallero é “probable que aínda non teñamos plena conciencia do que para o mundo enteiro significa este feito, non só a corto prazo senón a medio prazo significará para a visión dunha Galicia moderna, unha Galicia dinámica, unha Galicia comprometida co seu mar e que ofrece moitas máis cousas que polas que tradicionalmente podería ser coñecida”.

PALABRAS DE MANUEL FRAGA NA SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN XUNTA-HIJOS DE RIVERA S.A. PARA O PATROCINIO DA VOLVO OCEAN RACE 2005/2006

- “A empresa Estrella Galicia é para a nosa Comunidade todo un referente de prestixio e dominio empresarial, no que se conxuga con sabedoría o compromiso social cun solvente liderado”.

- “Se unimos esa filosofía [a de Hijos de Rivera S.A.] ao espírito da Volta ao Mundo a Vela, que está a situar a Galicia na vangarda da náutica mundial, estaremos apoiando a unión de dous proxectos avalados por unha mesma forza: a de todos os galegos”.

- “Galicia Navega 2005 (...) é unha nova forma de entender a náutica para Galicia, un punto de partida dunha realidade na que os sectores vinculados ao mar tomen a palabra no turismo, na economía e no deporte galego”.

- “Para que os grandes proxectos cheguen a bo porto, a unión de forzas das grandes marcas do tecido empresarial configúrase como un garante de éxito, e como un novo impulso para que estas iniciativas coas que Galicia está a dar grandes pasos poidan facernos medrar como potencia en todos os ámbitos”.

- “É un momento vital para todos os galegos. Temos a ocasión de proxectar a imaxe da nosa terra máis alá das nosas fronteiras como nunca antes puidéramos facelo”.

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA E HIJOS DE RIVERA S.A. PARA O PATROCINIO DA VOLTA AO MUNDO A VELA

OBXECTIVOS

O convenio de colaboración asinado entre o titular do Executivo galego, Manuel Fraga, e o director xeral de Hijos de Rivera S.A., José María Rivera, ten por obxecto regular a participación deste grupo no patrocinio da Volta ao Mundo a Vela, que partirá do porto de Vigo o vindeiro 12 de novembro.

COMPROMISOS

Ao abeiro deste acordo de colaboración, Hijos de Rivera S.A. adquire a condición de patrocinador da Volvo Ocean Race e difundirá e promoverá a regata a través dos distintos medios e soportes utilizados nas súas campañas de promoción e publicidade.

O valor desta difusión publicitaria e promocional cífrase en 16,4 millóns de euros, aos que a empresa sumará un millón de euros máis en concepto de patrocinio. A Fundación Deporte Galego, que preside a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo, asinará un convenio con Hijos de Rivera S.A. no que se determinarán os términos dese patrocinio.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia