Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta destina 150.000 euros a promocionar e comercializar os productos conxelados do mar

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, asinou un convenio de
colaboración co presidente da Asociación de Maioristas Transformadores, Importadores e Exportadores de Productos da Pesca e Acuicultura (CONXEMAR), José Luis Freire. Coa sinatura deste acordo, a Consellería de Pesca achega 150.000 euros para promocionar os productos conxelados nos anos 2005, 2006 e 2007 a través desta feira.

Deste xeito, a Xunta seguirá colaborando coa entidade na organización das próximas edicións da Feira Internacional de Productos Conxelados do Mar, que se celebra en Vigo desde hai seis anos. O Goberno galego participará ademais en diferentes seminarios para promocionar a calidade dos productos pesqueiros e fomentar o consumo dos peixes e mariscos galegos.

Actividades paralelas á feira.-

Na vindeira edición, a Consellería de Pesca ten previsto colaborar tamén na organización de actividades paralelas á celebración da feira, como son a II Conferencia Internacional de Rexións e o encontro de negocios entre empresas de Europa e América Latina a través do Programa Europeo AL INVEST. Estas accións suporán unha inversión adicional de 135.750 euros.

A Xunta de Galicia vén apostando pola Feira de Conxemar desde os seus inicios, coa súa presencia en tódalas edicións, mediante un stand institucional, e apoiando economicamente á entidade a través de convenios de colaboración como o asinado. As cifras alcanzadas o pasado ano, 400 expositores de 60 países e cerca de 30.000 visitantes, sitúan a Conxemar como a segunda feira de pesca máis importante de Europa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia