Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Xunta e operadores de Telecomunicacións inician este ano a extensión da banda ancha nos núcleos rurais e comarcais de Galicia

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio e as operadoras de telecomunicacións iniciarán este mesmo ano a extensión de banda ampla ós núcleos rurais e comarcais de Galicia, para dotalos dun acceso de alta velocidade a Internet.

As empresas de telecomunicacións presentarán á Consellería, ó longo deste mes, as súas propostas para a implantación das novas redes, e será este departamento autonómico o que seleccione os proxectos que se executarán, en función duns criterios que, entre outros, priman a maior cobertura, a calidade do servizo e o número de beneficiarios. O investimento mínimo nestas infraestruturas, que posibilitarán que nun prazo de tres anos toda Galicia dispoña de acceso rápido a Internet, ascende a 100 millóns de euros, dos que o 40 % será aportado pola Consellería de Innovación.

Nestes momentos, e ata o 29 de xuño, está aberto o proceso para que as operadoras presenten ante Innovación os proxectos de infraestruturas e equipamentos necesarios para a creación da rede. Este proceso inscríbese no Plan de Expansión de Banda Ancha en Galicia, co que se pretende que todo o territorio galego dispoña das mesmas posibilidades de acceso a Internet, en idénticas condicións xa sexan áreas rurais ou urbanas.

Con esta acción evitarase que as especiais condicións xeográficas, orográficas e de dispersión poboacional que caracterizan Galicia, deriven nunha fenda dixital entre zonas, ó tempo que se estimula o investimento das operadoras naquelas áreas nas que non actuaron todavía debido á falta de rendibilidade empresarial. Nestes momentos, as zonas desconectadas ou con débil conexión a Internet correspóndese coas menos poboadas e de menor desenvolvemento económico de Galicia. De aí que as operadoras non dispoñan dun horizonte de rendibilidade razoable, polo que resulta imprescindible a acción pública.

Nesta mesma liña, a Consellería de Innovación está tamén colaborando co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, na definición e resolución doutra actuación que complementa a iniciativa da Xunta de Galicia, e que ten por obxectivo promover o depregamento da banda ancha na zona rural illada.

SOLUCIÓNS TECNOLÓXICAS

As solucións tecnolóxicas, de implantación de infraestruturas e de negocio serán propostas polas operadoras beneficiarias das axudas. En todo caso, os servizos de banda ampla deberán garantir unha velocidade de transferencia mínima e a dispoñibilidade de acceso, así como uns servizos mínimos ampliables e adaptables ós avances tecnolóxicos e ás necesidades futuras dos usuarios (escalabilidade).

A nova infraestrutura estará dividida en tres partes. A primeira será a rede troncal (aberta á competencia, polo que funcionará a modo de multioperador), dotada de nodos conectados con fibra óptica, con alomenos un punto de conexión en cada concello. Unha segunda rede dará acceso á banda ampla en zonas ou localizacións que carecen de rede fixa de prestación de estes servizos. E a tercera, en núcleos de cabeceira, dará acceso á banda ampla en localizacións non deficitarias.

Os operadores presentarán un plan de despregamento para a cobertura dos núcleos de poboación dos concellos galegos que inclúan nas súas propostas. Os núcleos de poboación artéllanse en función dos usuarios potenciais, establecéndose unha cobertura mínima para 500 unidades conectables (localizacións físicas con enderezos postais independentes). No caso de concellos de tamaño ou poboación moi reducida, poderán agruparse en zonas de despregamento superior.

As operadoras, que deberán executar as novas redes nun prazo máximo de tres anos, deberán facilita-lo acceso, en condicións obxectivas de mercado, a calquera outra empresa que pretenda prestar servizos ós usuarios.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

Para selecciona-los proxectos subvencionables, a Consellería de Innovación terá en conta o alcance e viabilidade do plan de investimento, así como o seu impacto socioeconómico e a capacidade de efecto motor en novas tecnoloxías na área obxecto da axuda. De igual xeito, priorizaranse os proxectos segundo o grao de cobertura dos municipios definidos, número de núcleos, entidades singulares de poboación e habitantes beneficiarios.

O menor prazo para o despregamento da oferta, xunto co custe mínimo para un obxectivo de máxima cobertura e a oferta de servizos adicionais de uso xeral ou para colectivos específicos, serán outros dos criterios de selección.

Doutra banda, Innovación considera tamén uns servizos mínimos en función de cinco tipos de usuarios finais: rurais dispersos, residenciais, empresas, outros operadores de acceso e Administración Pública. No primeiro caso, os usuarios radicados nos concellos incluidos na rede proposta polo operador pero situados fóra dos núcleos de poboación, deberán dispor dunha alternativa de conexión, identificada específicamente. Establécense tamén mínimos para os usuarios residenciais e empresas, e a obriga de dar servizo, a través dos tramos subvencionados, a outros operadores. Ademáis, a rede deberá ter capacidade para conectar tódolos edificios públicos existentes no seu ámbito de cobertura.





Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia