Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O presidente da Xunta chama a recoñecer a importancia das persoas maiores como cidadáns activos e parte fundamental da riqueza dun país

“Un día coma hoxe, é tempo de recoñecer a importancia das persoas maiores, non como receptores de prestacións, senón como cidadáns, e cidadáns activos e parte fundamental da riqueza dun país”. Son palabras do presidente da Xunta na XXVII Xuntanza dos Maiores do Carballiño -na que tamén participou a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado-, onde insistiu en que a sociedade ten que ver a este colectivo como “depositarios dun tesouro que se debe salvagardar: a experiencia”.

Tras indicar que a vellez se está a converter nunha etapa da vida “tan plena e activa como calquera outra: produtiva, creativa, chea de relacións sociais, de calidade de vida e independencia”, Manuel Fraga animou aos maiores a non estar quedos “a participar na vida dos vosos pobos”, a “preocuparvos por acceder ás novas tecnoloxías”.

O mandatario galego botou man de Cicerón para afirmar que “o vello non fai as mesmas cousas que os mozos, pero fai cousas maiores e mellores”. Por iso, apostou por ser xenerosos e poñer a disposición das novas xeracións “as nosas vivencias para construír unha sociedade máis xusta, solidaria, plural e aberta”.

SERVIZOS DE ATENCIÓN DE CALIDADE, O MÁIS PRÓXIMOS POSIBLE

O titular do Executivo galego falou no seu discurso dos maiores dependentes, lembrando que a Xunta, as Deputacións e os Concellos “están implicados de xeito decidido” para ofrecerlles uns servizos de atención de calidade e o máis próximos posible. Así, explicou que os esforzos se centran en ampliar a carteira de servizos, diversificando os recursos alternativos á institucionalización, “sen esquecer, loxicamente, a ampliación da rede de equipamentos residenciais que se está acometendo", co incremento no número de prazas experimentado nos últimos anos.

Manuel Fraga reiterou que neste eido hai que actuar “sen demagoxias, con seriedade”, tendo presente que a resposta que se dea á atención da dependencia “vai ser unha das claves do desenvolvemento do noso estado do benestar, que tanto esforzo custou construír”.

O mandatario galego referiuse ao aumento da poboación maior de 65 anos en España e en Galicia, indicando que reflicte “un dos máis importantes éxitos do século XX”, pero tamén “un dos máis grandes retos que debemos afrontar neste comezo do século XXI”.

RECORDO A MARÍA JOSÉ CIMADEVILA

Ao inicio da súa intervención nesta Xuntanza, o máximo mandatario galego tivo un recordo para María José Cimadevila, ex conselleira de Asuntos Sociais, falecida o pasado mércores. “Quero neste momento lembrar a unha persoa que estivo con nós e con todos vós”, indicou Manuel Fraga, quen pediu “un minuto de silencio como homenaxe, porque sempre estará entre todos nós”.

PALABRAS DE MANUEL FRAGA NA XXVII XUNTANZA DOS MAIORES

- “Este proceso de aumento da poboación con máis idade reflicte un dos máis importantes éxitos do século XX, sustentado nos avances da ciencia e do desenvolvemento económico e social pero, ao mesmo tempo, tamén supón un dos máis grandes retos que debemos afrontar neste comezo do século XXI”.

- “”Eu penso que en Galicia estanse dando pasos, para entre todos, avanzar neste terreo [no dos maiores dependentes]. A Xunta, as Deputacións e os Concellos están implicados de xeito decidido para ofrecer ás persoas maiores e ás súas familias uns servizos de atención de calidade e o máis próximos posible”.

- “A resposta que lle deamos á atención da dependencia vai ser unha das claves do desenvolvemento do noso estado do benestar, que tanto esforzo custou construír”.

- “Un día coma hoxe, un día de celebracións, é tempo tamén de recoñecer a importancia das persoas maiores, non como receptores de prestacións, senón como cidadáns, e cidadáns activos e parte fundamental da riqueza dun país”.

- “A vellez estase a converter nunha etapa da vida tan plena como calquera outra; produtiva, creativa, afectiva e chea de relacións sociais, de calidade de vida e de independencia”.

- “Anímovos a seguir ascendendo na montaña da vida, desfrutando desa fermosa vista que tedes ante vós. E seguir ascendendo implica facer cousas, participar na vida dos vosos pobos, facer deporte, preocuparvos por acceder ás novas tecnoloxías, seguir aprendendo. En definitiva, implica ter en conta o que dicía o político e pensador romano Cicerón, alá polo século I antes de Cristo: O vello non fai as mesmas cousas que os mozos, pero fai cousas maiores e mellores”.

- “Debemos ser xenerosos e poñer a disposición das xeracións futuras as nosas vivencias para, deste xeito, construír unha sociedade máis xusta, solidaria, plural e aberta”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia