Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Innovación destina 100 millóns de euros á mellora da competitividade do comercio

O Plan de Mellora da Competitividade do Comercio Galego, posto en marcha pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio, está dotado con 100 millóns de euros para o período 2005-2008. Así o lembrou en Lugo o conselleiro de Innovación, Juan Rodríguez Yuste, no decurso da presentación do libro “O sector comercial minorista en Galicia. Comportamento do consumidor galego”, do que son autores os profesores da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, Begoña Barreiro Fernández, José A. Díez de Castro, Fernando Losada Pérez, Emilio Ruzo Sanmartín, e Guillermo Sánchez Vilariño.

Na súa intervención, Rodríguez Yuste salientou que este Plan de Mellora responde aos obxectivos da Administración Autonómica de manter en Galicia unha estructura comercial integrada na que xogan un papel relevante os pequenos e medianos comercios.

Este novo Plan xurde como continuidade do anterior Programa Cuatrienal 2001-2004, no que se potenciou a modernización tecnolóxica dos comercios, e se impulsaron os centros comerciais abertos e os mercados municipais. Sen esquencer este tipo de actuacións, o Plan de Mellora do Comercio 2005-2008 incorpora como novidades a mellora da competitividade do comercio detallista galego mediante o fomento do comercio no medio rural, e a implantación da norma de calidade para o comercio UNE 175001-1. Tamén busca o pulo á profesionalización mediante a creación de canles de distribución, marcas de canal e centrais de compras e servizos.

VERTEBRACIÓN URBANÍSTICO-COMERCIAL

O actual Plan de Competitividade está artellado en cinco programas, encamiñados todos eles a lograr a vertebración urbanístico-comercial de Galicia.

Precisamente unha das novidades é o Programa de Fomento do Comercio Rural, ó que se destinan 8 millóns de euros co obxectivo de renovar establecementos e promover os multiservizos. A necesidade desta actuación responde a que a diminución e envellecemento da población nalgunhas áreas leva aparellado unha redución da oferta comercial. Esta situación provocou que a rendibilidade económica se vexa limitada e, ó mesmo tempo, ocasiona problemas de subministración a algúns cidadáns.

A partida máis importante (30 millóns en subvencións, xunto coa subsidiación de préstamos ata 48 millóns de euros) corresponde a un programa específico destinado á recuperación competitiva das pemes comerciais. Como acción máis salientable, a implantación de marcas de calidade servirá para incrementa-la cualificación do sector. No mesmo tamén se inclúen axudas para o fomento da calidade, a modernización (novas tecnoloxías) e o cese anticipado da actividade.

O Programa de Cooperación Empresarial (dotado con 30 millóns de euros), que incentivará o asociacionismo e a mellora das canles de comercialización, presenta como novidade o apoio á creación de novas centrais de compras e servicios, así como á optimización das xa existentes.

Outros 28 millóns de euros destínanse ao Programa de Ordenación do Territorio, no que, ademáis de potenciar Centros Comerciais Abertos e mercados municipais, engádense os eixes comerciais: concentracións ou espacios de interese comercial que non teñen cabida no concepto de centro comercial aberto por non contar cun número de establecementos ou densidade suficiente.

O último dos programas céntrase na formación, información e innovación comercial, así como na elaboración de estudos de investigación e evolución do sector.

COMERCIO TRADICIONAL

Precisamente, o Plan deseñado por Innovación pretende atallar algunhas das ameazas expostas no libro presentado hoxe por Rodríguez Yuste. A obra “O sector comercial minorista en Galicia”, aínda que destaca que o peso do comercio tradicional en Galicia é o máis importante, éste está a sofrir unha regresión provocada polos novos hábitos de consumo. Segundo se define no citado libro, estes novos hábitos están máis relacionados co ocio e, polo tanto, os consumidores escollen outras fórmulas comerciais como son os hipermercados e as grandes superficies.

O libro tamén apunta a un cambio na estrutura comercial, caracterizada por unha forte concentración repartida a partes iguais por grupos empresariais de ámbito rexional, nacional e extranxeiro.

EVOLUCIÓN DO SECTOR

Cabe salientar que nos últimos catro anos, a evolución do sector minorista en Galicia amosa un comportamento positivo. De feito, segundo o Directorio Central de Empresas do Instituto Nacional de Estadística, Galicia ocupa o quinto lugar en canto a número de locais comerciais con ata cinco asalariados contratados.

Segundo datos do Instituto Galego de Estadística (IGE), o índice xeral de vendas entre 2001 e 2004 presentou un crecemento acumulado do 6,5% , e, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), o crecemento acumulado para o mesmo período no que atinxe ao número de ocupados no sector foi do 3,6%, o que sitúa ao comercio galego por riba da media nacional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación da Xunta de Galicia