Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O escrutinio e a difusión dos resultados electorais do 19 de xuño realizouse nun tempo récord e coa maior precisión

O reconto de votos das eleccións galegas supuxo un rotundo éxito para o operativo despregado pola Xunta de Galicia para a xornada electoral do 19 de xuño. A cobertura do evento marcou un fito en procesos electorais en canto á velocidade e precisión do escrutinio.

Os resultados das 4.069 mesas electorais foron recollidos con rapidez polos representantes da Xunta, e ás 21,00 h., tal como estaba anunciado, abriuse a difusión pública por Internet na páxina web da Xunta, que rexistrou ata 3 millóns de accesos por hora durante a noite electoral.

Na súa primeira comparecencia ás 21,30 h., o conselleiro da Presidencia, Jaime Pita Varela, presentou os datos do escrutinio aos 300 xornalistas acreditados no centro de datos e, á saída da rolda de prensa, xa puideron dispor dos resultados en papel e nas súas terminais, a unha porcentaxe escrutada do 70%. Pouco despois das 22,30 h., o titular da Presidencia efectuaba a segunda e última comparecencia co 99% escrutado e á espera dos últimos datos das poucas mesas que aínda non remataran o escrutinio, para pechar definitivamente o reconto electoral.

Nun proceso electoral que levantara grande expectación tanto en España como noutros países onde residen moitos galegos, o operativo deseñado por Odec para a Xunta funcionou perfectamente, poñendo de manifesto un grande nivel organizativo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia